sábado, 1 de marzo de 2008

Eliminación da tarifa nocturna

Dende o nao 1983 estabeleceuse, no Estado Español, a denominada Tarifa Eléctrica 2.0N (coñecida como Tarifa Nocturna). Esta tarifa baséase na filosofía de primar o consumo nas horas nocturnas, onde a potencia consumida no conxunto do sistema eléctrico é menor.
Esta tarifa ten un desconto do 55% nas horas nocturnas e un recargo do 3% nas horas centrais do día, e favorece o consumo de determinados electrodomésticos, como son acumuladores, lavadoras, lavalouzas, quentadores de auga, etc, que se poden usar de noite.
A tarifa nocturna busca un consumo enerxético máis responsabel e solidario, e obrigou a instalación nos fogares de determinados equipamentos, cun elevado custe de investimento, como foron os acumuladores eléctricos.
O termo de potencia contratada, que é un concepto fixo, na factura eléctrica, estímase en 5,3 Kw de media para os clientes desta tarifa.
Actualmente no Estado hai, aproximadamente, 1 millón de clientes desta tarifa, no caso de Galiza, debido á súa climatoloxía que obriga ao uso dun sistema de calefacción eficiente, temos uns 160.000 usuarios, é dicir, o 16% do conxunto do Estado.
A tarifa nocturna mantívose sen modificacións dende o ano 1983 até o ano 2006, no que xa non permitíu novas altas baixo esta tarifa, máis o cambio fundamental está en que “Os consumidores e consumidoras acollidos a esta tarifa nocturna, deberán comunicar á empresa distribuidora, antes do 1 de xullo de 2008, a nova tarifa á que desexen acollerse. Unha vez transcorrido o prazo, sen que o cliente solicite as novas condicións do contrato, a compañía distribuidora aplicará automáticamente outras tarifas de acordo coa potencia que tivesen contratada”
É dicir, a partires do 1 de xullo de 2008 desaparece a Tarifa nocturna.
Con este Real Decreto, obrígase aos clientes que teñen esta tarifa, a contratar una nova potencia, superior á que tiñan no consumo das horas punta e a un incremento do prezo sobre o consumo que tiñan nas hotas punta, xa que pasan dun recargo do 3% a un 35%. En conxunto o incremento que poden padecer na factura eléctrica pode chegar ao 49%.
Na nova Orde de Tarifas Eléctricas existe a nova Tarifa de Discriminación Horaria, mais, para acollerse a esta nova tarifa, os usuarios da Tarifa Nocturna, deben asumir íntegramente os custes do cambio, que son cantidades importantes e que están estimadas entre 400 e 500 €uros por cliente. Uns 200 €uros se gastarán no cambio de limitadores de potencia e outros 200 ou 300 €uros, na adpatación dos sistemas de calefacción, que deberán cambiar as actuais resistencias por outras de menor potencia, ou ben, establecer dous circuitos de calefacción independentes entre sí.
Asemesmo, una vez realizadas as modificacións precisas, na nova Tarifa de Discriminación Horaria, haberá que pagar por un maior incremento da potencia contratada, que é una parte fixa da factura eléctrica. Isto terá un efecto negativo en Galiza , pois haberá que contratar una potencia que se emprega fundamentalmente no inverno (polos acumuladores eléctricos), e se continúa pagando logo na primavera e no verán, cando non se necesita tanta potencia, e isto coa Tarifa Nocturna non pasaba.
Como vemos, esta nova regulación das tarifas eléctricas, vai supor un importante gasto nas economías familiares, se temos en conta a media salarial e de pensións en Galiza. Asemade o Goberno do Estado non contempla, na nova regulación, ninguna medida de compensación, nin reparte cargas entre os usuarios e empresas distribuidoras que, en definitiva, serán as grandes beneficiadas.
Por este motivo, o grupo municipal do BNG solicita a aprobación polo Pleno da Corporación do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galicia a que demande do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, o mantemento dunha tarifa con características semellantes á nocturna e a gratuidade do cambio de limitadores, así como a creación de liñas de subvención para os custes de adaptación dos equipamentos das vivendas dos usuarios de Tarifa Nocturna que desexen acollerse á Tarifa con Descriminación Horaria.

Pontecesures a 25 de xaneiro de 2008
Powered By Blogger