miércoles, 1 de junio de 2011

O BNG segue a ser, por ampla diferencia, a forza máis votada en Pontecesures.



As eleccións municipais do pasado 22 de maio demostraron, unha vez máis, o forte respaldo que o BNG segue a ter por parte do electorado de Pontecesures. Acadando unha aplastante diferencia coa segunda forza á que doblou en número concelleiros.


Facer doble clic encima dos gráficos para velos ampliados:



jueves, 12 de mayo de 2011

BOLETÍN DO BNG MAIO 2011

Luís Álvarez Angueira, candidato á alcaldía de Pontecesures.


"Somos a única forza política que combina estabilidade, experiencia de goberno e un amplo apoio"






Luis, eres con diferencia o concelleiro máis antigo: na oposicón con Piñeiro Ares, alcalde durante dúas lexislaturas e volta á oposición. Logo de todos estes anos traballando na corporación de Pontecesures, como ves o concello?


Pontecesures é un concello pequeno que ten uns recursos limitados, por iso é tan importante xestionalos con intelixencia e eficacia. Nos anos nos que o BNG tivo a alcaldía, fixemos un esforzo por optimizalos e podo asegurar que non é facil. Son moitas as necesidades e con frecuencia hai que facer encaixe de bolillos para non desatender ningunha delas. Sen embargo, e a pesar de que lles deixamos algúns proxectos encima da mesa ao novo goberno, refírome ao centro de día ou ao parque empresarial, non souberon, ou non quixeron desenvolvelos. Neste senso teño que dicir que a situación actual do concello paréceme preocupante, e máis nunha época de crise económica como a que padecemos. Ese tipo de proxectos, de marcado perfil social, creo que son máis importantes para un concello coma o noso.



O BNG é a única forza política que non parece ter problemas internos, que presenta unha candidatura sen descontentos e cohesionada, cal é o segredo?



O segredo é a democracia interna. No BNG non lle impoñemos nada a ninguén. Buscamos o consenso e a unidade. No BNG teñen cabida todas as persoas que saben que Galiza precisa dun compromiso explícito para defender os intereses que temos como país, un compromiso cun claro perfil progresista, que é un elemento de afinidade moi importante. Isto facilita moito as cousas. Aquí ninguén está por intereses persoais senón porque temos claro que, se queremos que Galiza mellore, que Pontecesures mellore, fai falla un compromiso de traballo para defender con claridade os intereses de todos e todas nós.



Cal é a túa valoración da lexislatura que remata agora?




Lamentábel. En primeiro lugar, porque aínda que é perfectamente lexítimo, no BNG pensamos que o acordo a tres bandas que nos expulsou do goberno, non respondía á vontade que con claridade expresaron as veciñas e veciños de Pontecesures. E digo isto, non porque pense que non é lexítimo que varios partidos se alien para gobernar, nós fixémolo así durante oito anos e é perfectamente democrático, senón, porque foi un pacto contra natura, un pacto que non tiña ningún programa de goberno –como si tiñamos nós– foi un pacto estimulado por un único obxectivo: que o BNG non seguise gobernando en Pontecesures, costase o que costase. A partir dese punto, toda a lexislatura é un despropósito: os membros do goberno case non se falan entre eles, comunícanse con notiñas, boicotean iniciativas veciñais con fondos públicos e lanzan unha ofensiva de infundios contra o BNG que sigue respondendo ao obxectivo inicial: destruir ao BNG. Destruir a única forza política que pode gobernar en Pontecesures coa altura que a nosa vila se merece. Poderia resumirse como a lexislatura na que o goberno, a falta dun programa de traballo, adicouse a facerlle oposición á oposición. Lamentábel.



E a nivel xeral, como ves ao noso país cando van alá máis de dous anos cunha nova maioría absoluta do PP na Xunta?



Verás, o diagnóstico que facemos da realidade de Pontecesures, encaixa coma un guante co diagnóstico que se pode facer a nivel xeral. O goberno de Feijoo leva dous anos derrumbando todo o que o goberno anterior construíu. Particularmente o que construíron as consellerías que eran responsabilidade do BNG. En Pontecesures comezaron a lexislatura da mesma maneira: mutilando unha guía turística elaborada durante o noso mandato e tirando á papeleria o proxecto do centro de día ou o do parque empresarial. Nestes dous anos de goberno do PP, na Xunta de Galiza so se poden contabilizar as toneladas de escombro político. Ningún proxecto, unha xestión da crise penosa que está provocando un incremento do paro nunca antes coñecido, unha agresión ao idioma galego sen precedentes que conta co rexeitamento da inmensa maioría da cidadanía galega e, tal e como pasa en Pontecesures, unha persecución da oposición que recorda tempos pasados e ben nefastos.



O actual goberno que preside Maribel Barreiro recibiu importantes recursos económicos do Plan E, na túa opinión, o uso que se lles deu foi o necesario?



Pois basicamente eses recursos que como moi ben dis foron importantes –máis de medio millón de euros– empregáronse en mover pedras dun sitio para outro. Realizouse unha remodelación das beirarrúas e da área na que se atopa o coche de pedra que, na nosa opinión, non eran prioritarias. Se nós estivésemos gobernando e o concello recibise uns aportes económicos tan importantes, pensamos que hai outras necesidades que é máis urxente atender e cun beneficio social moi necesario. Por outra parte eses fondos tiñan como obxectivo fomentar o mantemento do emprego en sectores moi doentes pola crise, sen embargo, non coñecemos un balance do concello a este nivel. Cantos postos de traballo se crearon ou se manteron? Na nosa opinión, este aspecto é tan importante como a obra que se realiza. Por iso calificamos de desgoberno ao equipo da señora Maribel, porque entendemos nós que gobernar é unha actividade que debe ter en conta os intereses de todos e, en situacións tan delicadas coma a actual, moi especialmente os intereses das persoas máis desprotexidas.



E se o BNG estivese gobernando, como empregaría eses recursos?



Ben, como dixen, para o BNG é importante a repercusión social que teñen os investimentos que se realizan. Neste caso, presentamos unha moción para que se empregasen eses fondos para levar adiante o centro de día, para construcción dun comedor escolar e para resolver o problema que teñen os veciños e veciñas de San Xulián para cruzar a N 550 cara a rúa do Pilar, nós propoñíamos a realización dun paso elevado que os arrede do intenso tráfico desta estrada. Como se pode ver, as obras que propuxemos tiñan un interese social evidente e un volume que facilitaría a creación ou o mantemento de máis postos de traballo e durante máis tempo.



Que opinión che merece a polémica que se orixinou coas feiras do automóbil?



É a perla do mandato. O desgoberno empregouse a fondo con recursos públicos para torpedear unha iniciativa dunha asociación cultural que tiña e ten, un claro interese para o conxunto de Pontecesures. O desgoberno da señora Maribel Castro, do señor Rafael Randulfe e do señor Luis Sabariz, inventaron unha feira paralela –patética– negáronse a colaborar coa Asociación Cultural Mirándolle os Dentes e, por increíble que pareza, mesmo aqueles aspectos que o concello ten a obriga de xestionar, mesmo aí tentou boicotear o evento. A feira que organiza Mirándolle os Dentes, alomenos dende o noso punto de vista, debe ser un evento que se desenvolva cunha forte colaboración por parte do concello. Así se fixo mentres o BNG tivo responsabilidades de goberno, e así se fará se voltamos a contar coa confianza maioritaria da cidadanía de Pontecesures. Nós coñecemos o enorme esforzo que as persoas da asociación realizan para levar adiante un envento desta envergadura, por iso non temos dúbidas en que hai que apoialo e dóenos o papel tan triste, que neste tema, xogou o goberno actual.



Pontecesures é un concello pequeno, sen embargo, se os rumores se confirman poderían presentarse ate sete listas electorais, varias delas promovidas por independentes, cal é a túa opinión?



Respecto e preocupación. Respecto porque todas as persoas teñen dereito a expresarse politicamente, a organizarse e a propoñer todas as candidaturas que consideren oportunas, faltaría mais. Preocupación, porque se te fixas, algunhas delas son o resultado do descontento polo importante déficit democrático interno, ou polo reparto do poder e os postos que o dedo de certa dirección provincial lles atribúe a cada un. E se digo preocupación é porque –a vista do que pasou fai catro anos– calquera destas candidaturas pode gobernar Pontecesures. Estaríamos na mesma: equipos de goberno sen máis programa ca o odio que mutuamente se profesan. Así non se pode. Nós confiamos na madurez política dos veciños e veciñas e estamos seguros de que saberán escoller con sentidiño.



Con tantas opcións a hora de votar tamén é previsible que a gobernabilidade sexa complicada, sen non hai maiorías absolutas, ten o BNG preferencias concretas á hora de pactar con outras forzas políticas?



En principio non contemplamos ese escenario. Nós confiamos no traballo desenvolvido nos oito anos durante os que tivemos a responsabilidade da alcadía e no labor realizado nestes últimos dende a oposición. Consideramos que somos a única forza política que combina estabilidade, experiencia de goberno e un amplo apoio electoral. Contamos con gobernar en solitario. Pero, se non se dese esa circunstancia, como xa dixen ao comezo, o BNG é unha forza progresista e polo tanto, buscaremos os apoios e as afinidades entre as forzas progresistas que acaden representación.





Candidatura do BNG en Pontecesures.


Podes avanzarnos as liñas xerais do programa de goberno do BNG?


Neste momento estamos traballando nel, realmente só nos últimos detalles e aínda que non quero adiantar nada para non restarlle interese ao acto no que fagamos a súa presentación, si podo dicir que o noso programa é unha extensión do que foi o noso traballo na alcaldía e na oposición. Consideramos que hai importantes necesidades en materia de infraestrutura no rural ou de saneamento na vila, que este desgoberno non resolveu e que xa non deben esperar máis. Cuestións de orde social que son urxentes, porque non pode ser que os nosos maiores teñan que ir a outros concellos para facer uso dun centro de día, mentres aquí, os terreos que tiñamos preparados para facer o noso, regaláronos para un albergue de peregrinos. Que non é que non faga falta, pero dende logo é bastante máis necesario o centro de día. Por outra parte, o lóxico é que o albergue se realice nunha ubicación máis céntrica, pola comodidade dos peregrinos e tamén para que actúe como un recurso económico para o noso comercio.



É necesario e urxente un centro cultural de usos múltiples e a creación dun plan de dinamización que poña en valor as nosas potencialidades. A protección e defensa do medio ambiente. Pontecesures non ten no seu territorio ningunha industria especialmente contaminante, pero hai algunhas nos concellos veciños que son un aténtico crebacabezas e é necesario abordar esta cuestión con seriedade e responsabilidade. A dinamización da lingua galega, o apoio ao deporte local, o impulso do asociacionismo e un logo etc. que iremos debullando nos próximos días.



E o futuro? como ves toda a problemática da crise?



É o capitalismo máis crú en estado puro. Vai ser duro sair desta situación pero son da opinión de que hai que lanzar unha mensaxe de optimismo e, dende os poderes públicos, realizar políticas que fomenten o emprego e o desenvolvemento económico sobre unha base produtiva e non especulativa, que foi o que nos levou a esta situación e da que son responsables, case en exclusiva, a dereita económica e os gobernos do PP, que durante máis de vinte anos gobernaron a Xunta de Galiza con maioría absoluta. Hai que lanzar unha mensaxe de optimismo e confianza, unha mensaxe verdadeira. Nós, os galegos e as galegas, somos un pobo traballador, afeito a superar grandes dificultades, fartos de andar polo mundo adiante. Só nos falta un goberno noso. Un goberno que estea á altura da nosa valía como pobo. Un goberno que se recoñeza na identidade galega, que aprecie a nosa cultura e o noso idioma. Un goberno que comprenda, valore e defenda os nosos recursos. Dende logo, nós, o BNG de Pontecesures, imos por o noso grao de area para que todo iso sexa posíbel.



















lunes, 3 de enero de 2011

BOLETÍN DO BNG DECEMBRO 2010


O BNG presenta un equipo solvente para gobernar Pontecesures: Ofrece experiencia, honestidade, capacidade de traballo e ilusión.


O BNG ven de presentar o primeiro treito da can­didatura coa que vai concorrer o vindeiro mes de maio ás eleccións municipais no concello de Pon­tecesures. Faino co convencemento de que os ve­ciños e veciñas cren necesario mudar de rumbo e abandonar o desgoberno destes últimos 4 anos, onde Pontecesures vivíu unha evidente parálise institucional.

Para o BNG é necesario e urxente recuperar a sen­da que o nacionalismo, con Luís Álvarez Angueira á fronte, trazou nos oitos anos nos que estivo á fronte da Alcaldía de Pontecesures, unha senda de dinamismo, prosperidade e calidade de vida, que se veu truncada nas últimas eleccións municipais, cando un pacto, apoiado en tránsfugas, propiciou unha volta atrás a todas as políticas que o BNG estaba a impulsar para dinamizar a vida económica e social do noso Concello.

Á candidatura, encabezada por Luís Álvarez An­gueira e conformada por Cecilia Tarela Barreiro, Arturo Ferro González, Margarita Carolina García Castro, Xurxo Gerpe Jamardo e Mª Teresa Tocino Barreiro ten, pois, un aval abondo demostrado de experiencia, honestidade e capacidade de traballo sempre a prol da defensa dos intereses dos nosos veciños e veciñas.

Pero o que é, se cadra, máis importante aínda, ten a ilusión necesaria para, en contacto directo coas mulleres e homes do noso concello, crear e levar a bo porto políticas activas para que Pontecesu­res salga dunha vez por todas da parálise de catro negros anos de desgoberno, e recobre, con forza, o camiño de prosperidade e de defensa dos intere­ses veciñais que nunca debeu abandonar. No BNG contamos con vós para facer un concello mellor, máis dinámico e máis participativo.


A rede WIFI municipal: outro engano do goberno local aos veciños e veciñas

A instalación da rede wifi para o acceso a internet de todas as veciñas e veciños do pobo mostra unha vez máis a pouca credibilidade e a incompetencia absoluta do goberno municipal de Pontecesures. A día de hoxe, en que xa está rematada a actuación e xa se repartiron e se están a repartir códigos de acceso entre o vecin­dario, a conclusión é a seguinte: a rede ten unha potencia ridícula nos poucos lugares nos que se pode acceder a ela, xa que a maioría do pobo está en sombra. Incluso en edificios que teñen algunha das antenas repetidoras do sinal ao seu carón, a recepción é insuficiente ou nula. En definitiva 40.000 € de investimento para absolutamente nada, despois de estar mais de dous anos vendéndolle a moto a todos os veciños e veciñas. So hai que tirar de hemeroteca para, unha vez vistos os resultados, darse conta de que o equipo de goberno pensa que os cesureños e cesureñas somos parvos:

DIARIO DE AROUSA, 09/febreiro/2008: “A Deputación Provincial de Pontevedra concedeu ao Concello de Pontecesures una subvención de 30.000 euros, con cargo ao Plan de Acción Municipal (PAM) de 2008, para a instalación no municipio da rede inalámbrica wifi. O Concello terá que aportar 10.000 euros ao proxecto, o 25% do orzamento total”.

DIARIO DE PONTEVEDRA 14/febreiro/2008: “O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e a alcaldesa de Pontecesures, Maribel Cas­tro, asinaron onte no Pazo Provincial un convenio para levar a cabo o despregue necesario para dotar ao mu­nicipio da rede inalámbrica wi-fi, por valor de 40.000 euros. O sistema chegará a todos os núcleos dos seus 6,9 quilómetros cadrados (incluindo Carreiras, Toxa, Infesta, Porto, etcétera) a través de 14 antenas conec­tadas a un ordenador central situado no consistorio”.

DIARIO DE AROUSA, 15/febreiro/2008: “O sis­tema dará cobertura ao “99 ou 100%” do termo mu­nicipal, segundo confirmou o tenente alcalde Rafael Randulfe. Rafael Randulfe lembrou que a rede wifi foi unha das promesas electorais realizadas polo PP”.

DIARIO DE AROUSA, 30/novembro/2008: ”O pre­go de condicións incorporará as características técnicas necesarias para a posta en marcha desta instalación. As previsións pasan por colocar un total de catorce antenas en diversos lugares para que a rede WIFI dea cobertura a todo o termo municipal”.

LA VOZ DE GALICIA, 30/novembro/2008: ”Pon­tecesures terá a súa rede inalámbrica de comunicación antes de que expire 2008”.

DIARIO DE PONTEVEDRA, 01/abril/2009: ”O Goberno local de Pontecesures espera contar no pra­zo dun mes coa rede wifi”. É dicir a finais de abril de 2009.

DIARIO DE AROUSA, 31/marzo/2010: ”A alcal­desa, Maribel Castro, informou á corporación que a empresa Plexus rematou a instalación das 9 antenas da rede Wifi polo que, en breve, comenzarán a distri­buirse os códigos de acceso entre os veciños que o soliciten”. Non eran 14 antenas?.

Antes de marzo de 2010 o señor Randulfe adicábase a facilitar os códigos de acceso para a rede wifi a algúns veciños de forma "clientelar" e con obxectivos electoralistas. Aínda que pouco favor vendeu porque non funcionaban nin os códigos nin a rede.

LA VOZ DE GALICIA, 06/maio/2010: “Maribel Castro lembrou que «o Partido Popular xa tiña no seu programa electoral o obxectivo de dotar de este ser­vizo a todos os veciños do concello. Agora podemos afirmar que o servizo wifi en Pontecesures xa é unha realidade», engadíu.” Por fin sabemos o par­tido ao que representa esta señora.

DIARIO DE AROUSA, 06/maio/2010: “En principio, apuntou Rafael Randulfe, están cubertas as rúas centrais, as zonas de Porto, San Xulián, Infesta e á Avenida de Pontevedra. Ambos responsables públicos admitiron que posiblemente haberá zonas de sombra: «Des­coñecemos polo de agora cales serán as zonas escuras», explica Randulfe, «pero faremos todo o posíbel para que a cobertura chegue a todo o municipio». Zonas escuras e zonas de sombra débeas haber na cabeza destes gobernantes que nostoca sufrir.

Sen comentarios, eles mesmos se definen coas súas afirmacións. De 14 antenas pasamos a 9. De finais de 2008 ou principios de 2009 como prazo de remate pasamos prácticamente a fi­nais de 2010, e todo para nada.

Ante todo isto, preguntada a alcaldesa polo BNG en sesión plenaria do día 27 de setembro de 2010, a resposta do go­berno municipal foi que total en breve se instalará en Pontecesures a rede WIMAX rural da Deputación de Pontevedra que terá moita máis potencia. Entón, para que se tiraron 40.000 euros nunha instalación que non funciona e que será substituída en pouco tempo?



A falsa austeridade do goberno municipal

Ao señor Sabariz encheuselle a boca poñéndose como exemplo de transparencia e austeridade, e acusando de despilfarro ao anterior goberno do BNG.

Dende que comezou este mandato sorprendeunos a adquisición dun teléfono móbil para uso exclusivo do tránsfuga Sabariz. Este teléfono xa nos costou a todos os veciñas e veciñas máis de 4000 euros.

Curiosamente, a utilización deste teléfono é maior en horario nocturno (podemos dicir case de madrugada).

Dende o BNG facémoslle as seguintes preguntas:

¿Cómo se atreve a acusar de despilfarro ao anterior alcalde, canto vostede gasta moito máis en teléfono móbil?

¿Con que organismo se xestionan melloras para os veciños e veciñas de Pontecesures ás 12 da noite?

Vostede quere predicar a austeridade e, á hora da ver­dade, abusa da utilización dun móbil pagado por todos nós. Desde logo todo un exemplo de mala xestión.




O grupo de goberno denuncia o BNG, con cartos de todos os veciños e veciñas

O Grupo municipal do BNG de Pon­tecesures recibiu a finais de setem­bro os acordos adoptados pola Xun­ta de Goberno Local celebrada no mes de xullo. Entre estes acordos destacamos a decisión do equipo de goberno de encargar aos servizos xurídicos do concello a denuncia ao noso grupo para defender a honora­bilidade da señora alcaldesa que, ao seu modo de ver, foi menosprezada no Boletín Municipal do BNG do mes de maio no que afirmábamos que a Sra. Maribel Castro, con cartos de todos os veciños e veciñas, estaba a facer unhas obras para resolver os problemas de cimentación da súa vivenda da rúa Ullán.

Non entendemos que si estos acordos da xunta de Goberno Local foron adoptados en xullo non foran notificados ao BNG ate finais de setembro, ocultando esta información durante dous meses ao único partido da oposición e o grupo con máis representación na corporación. O que se pretende con este retraso é dificultar ao máximo o labor de oposición. Volvemos aos tempos do escurantismo político vergoñento.

O BNG ratificase e reafirmase no contido do devandito boletín ata a última coma. E volvemos a manifestar unha vez máis: A señora Alcaldesa arranxou a parede traseira da súa vivenda con cartos públicos, sexan cartos das arcas do Concello, da Xunta ou de calquer organismo público; pero en calquer caso, cartos de tódolos veciños e veciñas. As columnas contrafortes que incluíu esta obra non foron colocadas para soster o regato, senón para soster a súa vivenda –como se pode ver ben na fotografía-.

Non contenta a señora Castro con reforzar a súa vivenda con cartos públicos, agora tamén con cartos de todas as veciñas e veciños pretende demandar ao BNG. Parécenos dunha desfachatez sen límites a utilización dos cartos públicos para beneficio propio que está a facer a alcaldesa co apoio do Sr. Randulfe do PP e coa estimábel axuda do tránsfuga Sabariz que tanto e tanto mira polos intereses do pobo.

Nesta demanda a alcaldesa pide que o BNG rectifique ás súas afirmacións e, ao mesmo tempo, que se lle indemnize economicamente por danos e prexuízos morais. Ante isto plantexámonos dúas cuestións:

¿Acaso esta señora se rexe por algún tipo de valor moral? Á vista das súas actuacións nos últimos tres anos a nós parecenos que non.

Se é o concello o que costea este proceso legal: ¿Quen vai cobrar a indemnización económica por danos morais, no caso de habela?. Está claro que unha institución non vai cobrar por este concepto e que, de ser o caso, cobrará persoalmente a señora alcaldesa. Carto, carto e máis carto, este é o único "valor moral" que coñece a señora Maribel Castro. O importante é encher o peto.

O pasado 15 de novembro celebrouse un acto de conciliación no xulgado de paz de Pontecesures. Neste acto a alcaldesa pretendía que o BNG se botase atrás nas declaracións feitas no boletín do mes de maio de 2010. Cousa que non consigueu xa que seguimos pensando o mesmo que o día que publicamos dito boletín, polo que non houbo acordo no acto de conciliación. Asi que está claro que nos veremos as caras no xulgado. Pero o que teñen que ter claro todos os veciños e veciñas de Pontecesures é que os costes desta demanda van ir a cargo de todos, dado que xa no acto de conciliación utilizou a asesoría xurídica do concello. Asesoría que pagamos todas as veciñas e todos os veciños de Pontecesures.















martes, 2 de noviembre de 2010

Denuncia da Alcaldesa ao BNG, tamén cos cartos de todos.


O Grupo municipal do BNG de Pontecesures ven de recibir nos últimos días os acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local celebrada no mes de xullo. Entre outros acordos destacamos a decisión do equipo de goberno de encargar aos servizos xurídicos do concello a denuncia ao noso grupo para defender a honorabilidade da señora Alcaldesa que, ao seu modo de ver, foi menospreciada no Boletín Municipal do BNG do mes de maio no que afirmábamos que a sra. Maribel Castro, con cartos de tódolos veciños, estaba a facer unhas obras para resolver os problemas de cimentación da súa vivenda da rúa Ullán.

Ante isto o BNG quere manifestar:

1º Non entendemos que si estos acordos da Xunta de Goberno Local foron adoptados en xullo non foran notificados ao BNG ata finais de setembro ocultando esta información durante dous meses ao único partido da oposición e o grupo con maís representación na corporación. O que se pretende con este retraso é dificultar ao máximo a labor da oposición, volvemos aos tempos do oscurantismo político vergoñento.

2º O BNG ratificase e reafirmase no contido do devandito boletín ata a última coma. E volvemos a manifestar unha vez máis: A señora Alcaldesa arranxou a parede traseira da súa vivenda con cartos públicos, sexan cartos das arcas do Concello, da Xunta ou de calquer organismo público; pero en calquer caso, cartos de tódolos veciños. As columnas contrafortes que incluíu esta obra non foron colocadas para soster o regato, senón para soster a súa vivenda –como se pode ver ben na foto anexa-.

3º Non contenta a señora Castro con reforzar a súa vivenda con cartos públicos, agora tamén con cartos de tódolos veciños pretende demandar ao BNG. Parécenos dunha desfachatez sen límites a utilización dos cartos públicos para beneficio propio que está a facer a Alcaldesa co apoio do sr. Randulfe do PP e ca estimable axuda do tránsfuga Sabariz que tanto e tanto mira polos intereses do pobo.

miércoles, 28 de julio de 2010

RESUMO DO PLENO DO 26 DE XULLO

No pleno ordinario do luns 26 de xullo entre outros asuntos trataronse:

O estudo da variante o seu paso por Pontecesures. Moción proposta polos concelleiros tránsfugas Sr Sabariz e Diz. Unha moción que non ten outro obxectivo que o protagonismo político destes dous concelleiros. Xa que hai un ano tódolos grupos da corporación acordaron que a alternativa desta variante fose polo mesmo sitio que se plantexa nesta moción, que ven sendo pola parte esquerda da autopista AP-9 o seu paso por esta localidade. Polo tanto e reiterativa e redundante esta proposta. O único obxectivo desta moción é causar unha alarma veciñal innecesaria. Polo tanto non sabemos a caso de que veu esta moción xa que foi acordada no seu momento. Chama a atención que sean os concelleiros non adcriptos os que que presenten esta moción e non sexa do equipo de goberno. O BNG votou a favor da mesma e quixo que fose iniciativa de todos os grupos municipais da corporación como xa quedou ratificado fai un ano na reunión anterior.

Outro dos asuntos a tratar foi a reducción das indennizacións por asistencia a comisión dun 15% ( de 24 a 20 euros) nos parece unha tomadura de pelo. Xa que si estamos en crise queda como unha baixada simbólica e o normal seria eliminar o cobro por asistencia tal como foi proposto polo BNG e foi rechazado polos membros do goberno. O cal demostra que queren quedar ben pero non se implican en nada, non queren que lles toquen o peto.

Outro tema a tratar dentro de rogos e preguntas foi a oposición a auxiliar administrativo que se celebrou fai uns días neste concello. O que se lle criticou ó equipo de goberno foi o imcumplimento da lei que regula que o exame teña que ser presentado en galego e castelán e neste caso só se lle dou a opción de castelán. Demostraron que non tiñan idea deste tema é que tampouco lles preocupara moito.

Por último tamén apuntou o BNG que o concello leva un mes sen arquitecto municipal por causar baixa arquitecta que ata agora estaba neste posto. O que conleva a paralización total de tódalas licenzas que en tempos de verán afecta a moitos veciños xa que é cando se aproveita para facer obras nas casas.

O DESGOBERNO DE PONTECESURES NON SE PREOCUPA POLO MAL ESTADO DO CAMIÑO DE SANTIAGO

Dende fai uns días ao paso por Pontecesures os peregrinos e visitantes pódense encontrar con distintos lugares do camiño feitos un asco. Nunca mellor dito, pois neste pobo temos distintos puntos que en vez de parecer tramos do camiño parecen verdadeiros vertedoiros. Temos a altura da gardería municipal un sumidoiro roto dende fai días. Ademaís dos malos cheiros que este desprende e un grave problema de salubridade xa que verte augas fecais ao camiño. Os veciños dos arredores xa presentaron unha queixa no concello fai uns días, facendo a alcaldesa caso omiso da súa queixa.

Outro punto co mesmo problema ou aínda peor e o paso por debaixo da N-550 o seu paso por San Xulían .Este paso leva días que esta sempre anegado tendo os peregrinos que pasar entre augas fecais e escrementos. Ademaís este paso tamén e moi utilizado por veciños do pobo e usuarios das fincas colindantes.

Por todo isto dende o BNG de Pontecesures pedimos o goberno municipal que repare estes problemas o antes posible. Xa que temos dous graves problemas de salubridade que co calor deste días agudizanse. E ademáis estamos dando unha mala imaxe de cara os peregrinos e visitantes que neste Xacobeo pasan polo noso pobo.

Tamén lle queremos solicitar que cando un grupo de veciños dea unha queixa na alcaldía se lle atenda. Xa que se supón que a Alcaldía está para iso.

Xa non é o primeiro caso de queixas veciñais que non son atendidas por este grupo de goberno así que fagan o favor de atender os veciños que para iso estan no goberno.

sábado, 15 de mayo de 2010

Agradecemento pola labor desenvolvida

O BNG de Pontecesures informa sobre a renuncia a acta de concelleiro do membro do BNG local Xosé Antonio Baliñas Pazos, que despois de sete anos de traballo na corporación municipal (4 deles con responsabilidades de goberno) e tras unha decisión moi meditada ven de presentar a súa renuncia, por motivos persoais, ao cargo oficial. Seguindo, nembargantes, coas súas responsabilidades dentro da Asamblea Local do BNG.

Dende o noso grupo queremos mostrar o noso máximo respecto a esta decisión persoal.

Tanto o Grupo Municipal do BNG como a Asamblea Local queren agradecerlle a súa adicación durante todo este tempo na súa labor política en primeira liña.

Pontecesures, 14 de maio de 2010

GRUPO MUNICIPAL DO BNG DE PONTECESURES

ASAMBLEA LOCAL DO BNG DE PONTECESURES
Powered By Blogger