O BNG ven de presentar o primeiro treito da candidatura coa que vai concorrer o vindeiro mes de maio ás eleccións municipais no concello de Pontecesures. Faino co convencemento de que os veciños e veciñas cren necesario mudar de rumbo e abandonar o desgoberno destes últimos 4 anos, onde Pontecesures vivíu unha evidente parálise institucional.
DIARIO DE AROUSA, 09/febreiro/2008: “A Deputación Provincial de Pontevedra concedeu ao Concello de Pontecesures una subvención de 30.000 euros, con cargo ao Plan de Acción Municipal (PAM) de 2008, para a instalación no municipio da rede inalámbrica wifi. O Concello terá que aportar 10.000 euros ao proxecto, o 25% do orzamento total”.
DIARIO DE PONTEVEDRA 14/febreiro/2008: “O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e a alcaldesa de Pontecesures, Maribel Castro, asinaron onte no Pazo Provincial un convenio para levar a cabo o despregue necesario para dotar ao municipio da rede inalámbrica wi-fi, por valor de 40.000 euros. O sistema chegará a todos os núcleos dos seus 6,9 quilómetros cadrados (incluindo Carreiras, Toxa, Infesta, Porto, etcétera) a través de 14 antenas conectadas a un ordenador central situado no consistorio”.
DIARIO DE AROUSA, 15/febreiro/2008: “O sistema dará cobertura ao “99 ou 100%” do termo municipal, segundo confirmou o tenente alcalde Rafael Randulfe. Rafael Randulfe lembrou que a rede wifi foi unha das promesas electorais realizadas polo PP”.
DIARIO DE AROUSA, 30/novembro/2008: ”O prego de condicións incorporará as características técnicas necesarias para a posta en marcha desta instalación. As previsións pasan por colocar un total de catorce antenas en diversos lugares para que a rede WIFI dea cobertura a todo o termo municipal”.
LA VOZ DE GALICIA, 30/novembro/2008: ”Pontecesures terá a súa rede inalámbrica de comunicación antes de que expire 2008”.
DIARIO DE PONTEVEDRA, 01/abril/2009: ”O Goberno local de Pontecesures espera contar no prazo dun mes coa rede wifi”. É dicir a finais de abril de 2009.
DIARIO DE AROUSA, 31/marzo/2010: ”A alcaldesa, Maribel Castro, informou á corporación que a empresa Plexus rematou a instalación das 9 antenas da rede Wifi polo que, en breve, comenzarán a distribuirse os códigos de acceso entre os veciños que o soliciten”. Non eran 14 antenas?.
Antes de marzo de 2010 o señor Randulfe adicábase a facilitar os códigos de acceso para a rede wifi a algúns veciños de forma "clientelar" e con obxectivos electoralistas. Aínda que pouco favor vendeu porque non funcionaban nin os códigos nin a rede.
LA VOZ DE GALICIA, 06/maio/2010: “Maribel Castro lembrou que «o Partido Popular xa tiña no seu programa electoral o obxectivo de dotar de este servizo a todos os veciños do concello. Agora podemos afirmar que o servizo wifi en Pontecesures xa é unha realidade», engadíu.” Por fin sabemos o partido ao que representa esta señora.
DIARIO DE AROUSA, 06/maio/2010: “En principio, apuntou Rafael Randulfe, están cubertas as rúas centrais, as zonas de Porto, San Xulián, Infesta e á Avenida de Pontevedra. Ambos responsables públicos admitiron que posiblemente haberá zonas de sombra: «Descoñecemos polo de agora cales serán as zonas escuras», explica Randulfe, «pero faremos todo o posíbel para que a cobertura chegue a todo o municipio». Zonas escuras e zonas de sombra débeas haber na cabeza destes gobernantes que nostoca sufrir.
Sen comentarios, eles mesmos se definen coas súas afirmacións. De 14 antenas pasamos a 9. De finais de 2008 ou principios de 2009 como prazo de remate pasamos prácticamente a finais de 2010, e todo para nada.
Ante todo isto, preguntada a alcaldesa polo BNG en sesión plenaria do día 27 de setembro de 2010, a resposta do goberno municipal foi que total en breve se instalará en Pontecesures a rede WIMAX rural da Deputación de Pontevedra que terá moita máis potencia. Entón, para que se tiraron 40.000 euros nunha instalación que non funciona e que será substituída en pouco tempo?
A falsa austeridade do goberno municipal
Ao señor Sabariz encheuselle a boca poñéndose como exemplo de transparencia e austeridade, e acusando de despilfarro ao anterior goberno do BNG.
Dende que comezou este mandato sorprendeunos a adquisición dun teléfono móbil para uso exclusivo do tránsfuga Sabariz. Este teléfono xa nos costou a todos os veciñas e veciñas máis de 4000 euros.
Curiosamente, a utilización deste teléfono é maior en horario nocturno (podemos dicir case de madrugada).
Dende o BNG facémoslle as seguintes preguntas:
¿Cómo se atreve a acusar de despilfarro ao anterior alcalde, canto vostede gasta moito máis en teléfono móbil?
¿Con que organismo se xestionan melloras para os veciños e veciñas de Pontecesures ás 12 da noite?
Vostede quere predicar a austeridade e, á hora da verdade, abusa da utilización dun móbil pagado por todos nós. Desde logo todo un exemplo de mala xestión.
O grupo de goberno denuncia o BNG, con cartos de todos os veciños e veciñas
O Grupo municipal do BNG de Pontecesures recibiu a finais de setembro os acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local celebrada no mes de xullo. Entre estes acordos destacamos a decisión do equipo de goberno de encargar aos servizos xurídicos do concello a denuncia ao noso grupo para defender a honorabilidade da señora alcaldesa que, ao seu modo de ver, foi menosprezada no Boletín Municipal do BNG do mes de maio no que afirmábamos que a Sra. Maribel Castro, con cartos de todos os veciños e veciñas, estaba a facer unhas obras para resolver os problemas de cimentación da súa vivenda da rúa Ullán.
Non entendemos que si estos acordos da xunta de Goberno Local foron adoptados en xullo non foran notificados ao BNG ate finais de setembro, ocultando esta información durante dous meses ao único partido da oposición e o grupo con máis representación na corporación. O que se pretende con este retraso é dificultar ao máximo o labor de oposición. Volvemos aos tempos do escurantismo político vergoñento.
O BNG ratificase e reafirmase no contido do devandito boletín ata a última coma. E volvemos a manifestar unha vez máis: A señora Alcaldesa arranxou a parede traseira da súa vivenda con cartos públicos, sexan cartos das arcas do Concello, da Xunta ou de calquer organismo público; pero en calquer caso, cartos de tódolos veciños e veciñas. As columnas contrafortes que incluíu esta obra non foron colocadas para soster o regato, senón para soster a súa vivenda –como se pode ver ben na fotografía-.
Non contenta a señora Castro con reforzar a súa vivenda con cartos públicos, agora tamén con cartos de todas as veciñas e veciños pretende demandar ao BNG. Parécenos dunha desfachatez sen límites a utilización dos cartos públicos para beneficio propio que está a facer a alcaldesa co apoio do Sr. Randulfe do PP e coa estimábel axuda do tránsfuga Sabariz que tanto e tanto mira polos intereses do pobo.
Nesta demanda a alcaldesa pide que o BNG rectifique ás súas afirmacións e, ao mesmo tempo, que se lle indemnize economicamente por danos e prexuízos morais. Ante isto plantexámonos dúas cuestións:
¿Acaso esta señora se rexe por algún tipo de valor moral? Á vista das súas actuacións nos últimos tres anos a nós parecenos que non.
Se é o concello o que costea este proceso legal: ¿Quen vai cobrar a indemnización económica por danos morais, no caso de habela?. Está claro que unha institución non vai cobrar por este concepto e que, de ser o caso, cobrará persoalmente a señora alcaldesa. Carto, carto e máis carto, este é o único "valor moral" que coñece a señora Maribel Castro. O importante é encher o peto.
O pasado 15 de novembro celebrouse un acto de conciliación no xulgado de paz de Pontecesures. Neste acto a alcaldesa pretendía que o BNG se botase atrás nas declaracións feitas no boletín do mes de maio de 2010. Cousa que non consigueu xa que seguimos pensando o mesmo que o día que publicamos dito boletín, polo que non houbo acordo no acto de conciliación. Asi que está claro que nos veremos as caras no xulgado. Pero o que teñen que ter claro todos os veciños e veciñas de Pontecesures é que os costes desta demanda van ir a cargo de todos, dado que xa no acto de conciliación utilizou a asesoría xurídica do concello. Asesoría que pagamos todas as veciñas e todos os veciños de Pontecesures.