En canto á xestión do persoal municipal que está a levar a cabo este novo goberno, o BNG está a observar certos comportamentos, por parte da Alcaldesa –xa que é ela a que se encarga persoalmente deste departamento–, que nos parecen propios doutras épocas vividas no noso pobo caracterizadas polo autoritarismo absoluto. Así, son constantes as ameazas veladas aos traballadores, advertencias sobre a continuidade no seu posto de traballo, citas no despacho da Alcaldesa nas que o saúdo inicial por parte desta en troques de ola é: “si no estas contento tienes las puertas abiertas” ou “ te voy a dar una oportunidad”. Entendemos que baixo esta presión é difícil que os traballadores desempeñen o seu posto de traballo con normalidade.
No pouco que vai de mandato xa se realizou un despido improcedente, tal e como o admitíu o propio goberno, que ten que indemnizar ao traballador que foi despedido sen motivo algún, a non ser que non era da corda da Alcaldesa. Dende o BNG preguntámonos se este non será o primeiro dunha serie de despidos que o único que persiguen é facer unha criba no persoal municipal daqueles traballadores que non son do agrado da Alcaldesa e os seus socios de goberno, ou ben se a Sra. Alcaldesa non terá unha foto da “manifestación da Plazuela” e irá marcando con cruces as caras dos que vai “quitando do medio”.
No tocante á contratación de novo persoal intachable, impecable, transparente,... como así fachendea o novo goberno; temos que dicir que nada máis lonxe da realidade. Se a última etapa do anterior mandato se caracterizou polas constantes e feroces críticas ao goberno nacionalista pola contratación de persoal, protagonizadas por Sabaríz, agora vemos como se están a contratar familiares dos que gobernan, membros das listas electorais dos grupos do goberno e xente afín ao tripartito. Dende o BNG queremos manifestar o noso máximo respecto e consideración polos traballadores que se están a contratar, pero tamén por aqueles que quedan fóra, xa non só no proceso de selección, senón aqueles aos que o INEM nen sequera os cita para o proceso selectivo porque a designación do posto, para así anotarse na oficina de emprego, só a coñecen con anterioridade 4 privilexiados.
Iso si, hai que recoñecerlle unha virtude a este novo goberno: a de enchufar aos seus achegados en traballos no Concello co visto e prace dun tribunal de selección nomeado a dedo pola Alcaldesa, que non foi elixido polos traballadores nen escollido pola Corporación do Pleno por poñer algúns exemplos.