martes, 18 de noviembre de 2008

Ampliación de retranqueo e muro

ATT. DA SRA. ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DE PONTECESURES

Margarita Carolina García Castro, Manuel Luís Álvarez Angueira, Cecilia Tarela Barreiro, Xosé Antonio Baliñas Pazos e Arturo Ferro González; concelleiros do Grupo Municipal do BNG de Pontecesures,
EXPOÑEN:
Que se están a levar a cabo as obras de ampliación e retranqueo de muro na pista que une os lugares da Toxa e Carreiras cun custo de 23.635,70 € e que esta ampliación e retranqueo non vai a afectar á totalidade do vial, xa que a actuación comtemplada non chega ata a intersección que leva ao Cruceiro de Carreiras quedando uns 40 metros sen ampliar.
O BNG considera que é necesario, unha vez que se acometen estas obras no lugar, ampliar esta pista na súa totalidade, xa que senón o único que se orixinaría sería un embudo para a circulación de vehículos.
Polo exposto,
SOLICITAN:
Que o tramo aproximado de 40 metros de ampliación que non está contemplado nesta obra sexa icluído na relación de obras a solicitar á Consellería de Medio Rural sinaladas na moción apresentada polo noso Grupo Municipal o pasado 8 de novembro, para tratar na sesión plenaria do 24 de novembro.

Pontecesures, 15 de novembro de 2008

domingo, 16 de noviembre de 2008

Despilfarro

O BNG quer manifestar acerca do pleno extraordinario celebrado no día de onte o seguinte:
1.- Non entendemos a convocatoria extraordinaria deste pleno xa que o vindeiro 24 ( en menos de dez días) celébrase o pleno ordinario bimensual, polo que aforrábase o custe diste pleno extraordinario, tanto no que respecta ao procedemento administrativo correspondente como ao custe económico das asistencias ao mesmo.
Só se pode explicar pola desidia deste desgoberno municipal que continuamente está a deixar os asuntos de importancia para o último momento e logo se ven abocados por problemas de prazos a convocar plenos extraordinarios sen importarlle para nada o seu custe.
2.- No 3º punto do pleno debateuse o convenio para mellora do alumeado público na rúa central do pobo cun custe de preto dos 240.000 €. O BNG alégrase de que por fin, e logo de moitas denuncias públicas, se arranxen os problemas de alumeado nesa zona que están a ser continuos. Sen embargo, nós , decatámonos que dentro deste investimento inclúese tamén sustituir o alumeado da zona central (rúa San Lois-A Prazuela), o que nos parece un auténtico despilfarro, xa que este alumeado é novo, apenas 6 anos, cunhas farolas ao noso xuízo moi axeitadas ao entorno histórico no que se atopan.
Cos cartos que se aforrarían deixando estas farolas como actualmente están, poderíase mellorar o alumeado público no medio rural xa que este atópase nun total estado de abandono, privando aos veciños de zonas como Carreiras, Porto, San Xulíán, Grovas, etc, dun servizo municipal básico.
Lamentamos que este desgoberno da Sra. Castro do do Sr. Randulfe, non atendera a nosa petición feita no pleno de onte xa que suporía un importante aforro, nestes momentos de crise económica xeralizada.
Consello Local BNG

domingo, 9 de noviembre de 2008

Que risa, que mentireiro

sábado, 8 de noviembre de 2008

Contra a violencia de xénero

GRUPO MUNICIPAL DE PONTECESURES

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, ten que ser unha data de compromiso dos gobernos co conxunto de organizacións sociais e da cidadanía en xeral para a sensibilización e a actuación respecto do grave problema que constitúe a violencia machista.
É, pois, unha data para a denuncia activa de toda a sociedade en contra da violencia que se exerce contra as mulleres en razón do seu xénero.
Todas, todos, podemos facer algo contra a violencia machista
Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero, os recursos creados para atender as mulleres en situación de violencia de xénero, as campañas de sensibilización e os pasos que se deron para avanzar na consolidación dos dereitos das mulleres son necesarios para loitar contra este fenómeno, mais é necesario optimizar o seu uso e achegalos con maior eficacia ás mulleres.
Por outro lado, a prioridade das accións políticas que se dirixen á atención das mulleres que padecen a violencia machista é tal que non deben verse influídas por conxunturas económicas, antes ben, poñen en evidencia a necesidade de atender con maior eficacia á hora de prestar os recursos, aínda en momentos de crise.
O papel que teñen os Concellos é fundamental, pois desde eles pódese garantir a atención, o acceso aos recursos e a prevención directamente. Así poden constituírse en modelo para todas as veciñas e veciños na actuación eficaz e posta en marcha de políticas de intervención reais e que sexan eficaces á hora de mentalizar na prevención da violencia e actuar coordenada e axilmente ante situacións deste tipo.
Este compromiso é fundamental á vista das cifras de denuncias realizadas e cifras de casos concretos de violencia que en moitas ocasións acaban coa vida das mulleres a mans das súas parellas ou ex-parellas.
É necesario implicar o conxunto da cidadanía, trasladarlle a información actualizada, e corresponsabilizar os axentes sociais para que poidan intervir directamente sobre os casos que se puiderem dar, porque tratándose dun problema de carácter social, imbricado nos valores sociais existentes e cun carácter estrutural, que ten as orixes nas relacións de poder historicamente desiguais entre homes e mulleres, precisa de medidas artelladas desde a propia sociedade.
Temos que construír unha sociedade onde o centro sexan as persoas, sen distinción de sexo, e igualitaria.
É por isto polo que cómpre a implicación de todas as administracións, tamén das municipais, no desenvolvemento de actuacións encamiñadas a previr e paliar esta situación. E son tamén os Concellos quen poden artellar mecanismos de responsabilización e implicación de toda a cidadanía para acabar coa violencia machista.
En consecuencia o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Mellorar a efectividade das accións contra a violencia de xénero a través da creación de protocolos locais e/ou comarcais que incorporen os recursos sanitarios, sociais, educativos e de seguridade, e que teñan como finalidade axilizar o acceso á atención e aos recursos para as mulleres que padecen a violencia machista.

Pontecesures, 8 de novembro de 2008

Obras urxentes reclamadas polo vecindario

ATT. DA SRA. ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DE PONTECESURES

MOCIÓN DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO DE PONTECESURES

Margarita Carolina García Castro, Manuel Luís Álvarez Angueira, Cecilia Tarela Barreiro, Xosé Antonio Baliñas Pazos e Arturo Ferro González; concelleiros do Grupo Municipal do BNG de Pontecesures apresenta a seguinte moción para ser tratada na Sesión Plenaria do día 24 de novembro de 2008.

Exposición de motivos:

O BNG considera que é necesario acometer unha serie de obras moi reclamadas polos veciños:

• Saneamento dende o cruce da pista de Carreiras coa do Couto ata a intersección coa Rua do Ensanche. Debido á escasa sección e atranco do tubo existente (que encauza o regato de Carreiras) os desbordamentos en épocas de choivas son moi numerosos, afectando a moitos veciños provocando danos materiais en varias vivendas. Cremos que é necesario sustituir todo este traxecto con tubería de maior sección, ademáis colocar tubería para recollida de augas fecais.

• Pavimentado e ampliación da pista de Carreiras a Condide pasando polo Couto. Esta pista atópase en moi mal estado con pavimento irregular que pode provocar algún que outro accidente. Tamén considerase darlle máis anchura na parte de Condide.

• Pavimentación e ampliación da pista que comunica os núcleos rurais de Grobas e A Fenteira. O abandono destes lugares é manifestó polo que consideramos que é necesaria una actuación ínmediata para anchear a pista e quitarlle as curvas que actualmente ten.

• Ancheamento e novo pavimentado da Rúa do Coengo (San Xulián). Esta rúa actualmente é moi estreita e ten una curva moi cerrada polo que se fai necesario un retranqueo para eliminar a curva e anchear o vial.

• Acondicionamento da zona da rua do Caldeirón de Arriba: Separativos de pluviais e fecais, retranqueo e acondicionamento de muros existentes e acondicionamento integral da plazoleta. Consideramos que esta zona de Porto atópase tamén nun estado de abandono por iso é necesaria tamén una actuación urxente.
En consecuencia, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte:

ACORDO

1. Solicitar á Consellería de Medio Rural a execución destas obras tan demandadas polos veciños de Pontecesures.

Pontecesures, 8 de novembro de 2008