GRUPO MUNICIPAL DE PONTECESURES
25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, ten que ser unha data de compromiso dos gobernos co conxunto de organizacións sociais e da cidadanía en xeral para a sensibilización e a actuación respecto do grave problema que constitúe a violencia machista.
É, pois, unha data para a denuncia activa de toda a sociedade en contra da violencia que se exerce contra as mulleres en razón do seu xénero.
Todas, todos, podemos facer algo contra a violencia machista
Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero, os recursos creados para atender as mulleres en situación de violencia de xénero, as campañas de sensibilización e os pasos que se deron para avanzar na consolidación dos dereitos das mulleres son necesarios para loitar contra este fenómeno, mais é necesario optimizar o seu uso e achegalos con maior eficacia ás mulleres.
Por outro lado, a prioridade das accións políticas que se dirixen á atención das mulleres que padecen a violencia machista é tal que non deben verse influídas por conxunturas económicas, antes ben, poñen en evidencia a necesidade de atender con maior eficacia á hora de prestar os recursos, aínda en momentos de crise.
O papel que teñen os Concellos é fundamental, pois desde eles pódese garantir a atención, o acceso aos recursos e a prevención directamente. Así poden constituírse en modelo para todas as veciñas e veciños na actuación eficaz e posta en marcha de políticas de intervención reais e que sexan eficaces á hora de mentalizar na prevención da violencia e actuar coordenada e axilmente ante situacións deste tipo.
Este compromiso é fundamental á vista das cifras de denuncias realizadas e cifras de casos concretos de violencia que en moitas ocasións acaban coa vida das mulleres a mans das súas parellas ou ex-parellas.
É necesario implicar o conxunto da cidadanía, trasladarlle a información actualizada, e corresponsabilizar os axentes sociais para que poidan intervir directamente sobre os casos que se puiderem dar, porque tratándose dun problema de carácter social, imbricado nos valores sociais existentes e cun carácter estrutural, que ten as orixes nas relacións de poder historicamente desiguais entre homes e mulleres, precisa de medidas artelladas desde a propia sociedade.
Temos que construír unha sociedade onde o centro sexan as persoas, sen distinción de sexo, e igualitaria.
É por isto polo que cómpre a implicación de todas as administracións, tamén das municipais, no desenvolvemento de actuacións encamiñadas a previr e paliar esta situación. E son tamén os Concellos quen poden artellar mecanismos de responsabilización e implicación de toda a cidadanía para acabar coa violencia machista.
En consecuencia o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO
Mellorar a efectividade das accións contra a violencia de xénero a través da creación de protocolos locais e/ou comarcais que incorporen os recursos sanitarios, sociais, educativos e de seguridade, e que teñan como finalidade axilizar o acceso á atención e aos recursos para as mulleres que padecen a violencia machista.
Pontecesures, 8 de novembro de 2008