sábado, 15 de mayo de 2010

Agradecemento pola labor desenvolvida

O BNG de Pontecesures informa sobre a renuncia a acta de concelleiro do membro do BNG local Xosé Antonio Baliñas Pazos, que despois de sete anos de traballo na corporación municipal (4 deles con responsabilidades de goberno) e tras unha decisión moi meditada ven de presentar a súa renuncia, por motivos persoais, ao cargo oficial. Seguindo, nembargantes, coas súas responsabilidades dentro da Asamblea Local do BNG.

Dende o noso grupo queremos mostrar o noso máximo respecto a esta decisión persoal.

Tanto o Grupo Municipal do BNG como a Asamblea Local queren agradecerlle a súa adicación durante todo este tempo na súa labor política en primeira liña.

Pontecesures, 14 de maio de 2010

GRUPO MUNICIPAL DO BNG DE PONTECESURES

ASAMBLEA LOCAL DO BNG DE PONTECESURES

viernes, 7 de mayo de 2010

A alcaldesa arranxa a súa casa cos cartos de todos os veciños e veciñas



O goberno municipal de Pontecesures ten a responsabilidade de xestionar os cartos que saen dos petos de todos e cada un de nós, de xestionar o emprego dos recursos públicos nas necesidades dos veciños e veciñas no noso concello.

Como ben se pode comprobar estanse a facer unhas obras no regato da Chancela. E a alcaldesa,que linda co mesmo, está a reforzar o tabique traseiro da súa vivenda. O feito grave está en que as obras se enmascaran nun proxecto municipal denominado “Acondicionamento e rexeneración ambiental do entorno do regato da Chancela” cun custo superior aos 36.000 euros (máis de 6 millóns das antigas pesetas).

Pois ben, de acondicionamento do entorno do regato nada de nada. O máis salientábel desta obra, ademais de ser o que máis diñeiro leva son, tal como indica o proxecto municipal “os 12 contrafortes de pedra para a protección das casas existentes” -casa da alcaldesa-. Porque o resto da actuación foi o “acondicionamento do leito na saída do tramo entubado do regato”, e tivo un gasto irrelevante.


O BNG apoia o acondicionamento do leito do regato, pero non o arranxo da casa da alcaldesa con fondos públicos.

No proxecto pódense distinguir claramente dúas actuacións,que merecen unha valoración distinta: Por unha parte está o acondicionamento do leito na saída do tramo entubado do regato, coa que BNG está dacordo. Consistíu no reforzo da canle do regato con empedrado do mesmo para que a auga non baixe descontrolada, sobre todo no inverno cando hai máis caudal. Esta parte ademáis foi a que supuxo menor custo.

Pola outra, os 12 ontrafortes de pedra para a protección das casas existentes: actuación feita unicamente por e para a sustentación da casa da alcaldesa. E insistimos en que foi a parte máis custosa do Proxecto. Co custo adicional que supuxo esta parte da obra poderíase empedrar a canle do regato até o lavadeiro da Chancela ou mesmo afrontar a rehabilitación do Muíño.

Esta actuación do goberno local e da alcaldesa obrigou ao BNG a presentar no parlamento de Galiza, varias preguntas en relación con este asunto.

A obra está á vista de todo o mundo, e esos 12 contrafortes da casa da alcaldesa son bastante chamativos e difíciles de non ver.

As obras levaas a cabo a Consellería do Medio Rural a petición do Concello e foi denominada: ACONDICIONAMENTO E REXENERACIÓN AMBIENTAL DO ENTORNO DO REGATO DA CHANCELA – 1ª FASE, dando a entender que xa está prevista a realización de máis fases para o acondicionamento do resto do regato (até a Chancela). Claro que non deixa de ser un engano, xa que se un proxecto ten varias fases antes de comezar a primeira débese ter atada e ben atada a execución do resto das fases (medios económicos, cesión dos terreos, permisos das distintas Administracións Públicas, etc.). E, neste caso, non hai nada diso: o goberno municipal non falou cos propietarios dos terreos lindeiros co regato até o lavadeiro da Chancela nen fixo xestión algunha para sanear o regato até ese lugar. O único que lles interesaba era arranxar a casa da alcaldesa.

Hai que recordar que a canle do regato vai polo mesmo lugar que ía antes de se construír a casa da alcaldesa e que hoxe en día para construír ao lado dun regato hai que retirar varios metros. Neste caso non se retirou ningún metro no seu día; é máis, construíuse prácticamente encima do regato con total impunidade.

Os veciños e veciñas de Pontecesures estiman que non deben pagar o arranxo da vivenda da alcaldesa, e censuran que se aproveite do seu cargo para facer a reparación da súa casa con fondos públicos, a pesar dos 2.400 euros mensuais que percibe como salario desde o ano 2007 e que pagamos todos os cesureños e cesureñas.

O tránsfuga Sabariz e Randulfe, o do PP, cómplices desta cacicada

Mención aparte merecen os seus socios de goberno: o tránsfuga Luís Sabariz e Rafael Randulfe do Partido Popular, que, ademais de socios, son consentidores da obra da Chancela, xa que non dubidaron en ningún momento en apoiar no Pleno esta obra.

Por un lado temos as declaracións do tránsfuga Sabariz “Xa expliquei que coa obra do regato da Chancela, que financia Medio Rural coa autorización de Augas de Galiza, trátase de protexer unhas vivendas situadas na rúa Ullán (unha delas da alcaldesa, sí) que pola forza das augas que baixan teñen danos na súa parte traseira. Pero ollo, non se van arranxar as vivendas,vaise protexer o cauce para que non sigan a ter máis deterioro os inmobles”.

Vendo a obra unha vez rematada e observando os muros de contención as palabras sobran. Sabariz aparte de tránsfuga non di a verdade e non dubida en defender as falcatruadas da alcaldesa Maribel Castro.

O concelleiro do PP, Randulfe, que pretende esconderse dicindo que non sabe absolutamente nada do que fai Maribel, tampouco di a verdade, porque é coñecedor da obra e votou a favor da mesma no Pleno Municipal.

Para os veciños e veciñas de calquera concello, a utilización de cartos públicos para resolver os problemas na vivenda dun cargo público, e neste caso da casa da alcaldesa, é censurábel porque pon de manifesto o aproveitarse do cargo para o seu interese propio, e por riba intenta xustificar algo que é indefendíbel.

Preguntámonos se o dia en que algún veciño ou veciña teña danos na súa vivenda por mor dun regato, o seu arranxo vai ser costeado polas arcas municipais igual que fixo a alcaldesa Maribel Castro na súa vivenda.