domingo, 14 de junio de 2009

O BNG co Obradoiro de Emprego

O pasado xoves día 11 levouse ao pleno unha moción para a aprobación e solicitude do proxecto de Obradoiro de Emprego para o noso concello.
O Grupo Municipal do BNG, ve deficiencias notorias tanto no proxecto en si, como no propio proceso de solicitude, e así o fixo constar no pleno.
Criticamos a tardanza en presentar este proxecto ao pleno. O derradeiro obradoiro de emprego rematou a súa actividade en decembro de 2007, e dende entonces ata hoxe transcorreron prácticamente dezaoito meses, chegando agora “tarde, mal e arrastro” pois tivo que convocarse un pleno extraordinario coa máxima urxencia, agotando todos os prazos, porque de non ser así o luns remataría o prazo estipulado para presentar a solicitude e se tería perdido todo o ano, tendo que esperar para poder facer a solicitude ata marzo do ano 2010. Dende O BNG criticamos este feito, e máxime cando xa se perdeu a oportunidade de realizar esta solicitude no pasado mes de marzo, perdendo así a primeira convocatoria do ano e non entrando polo tanto a “competir “ con proxectos doutros concellos, tempo perdido que outros nos levan adiantado . Asimesmo o BNG lamenta que non tivera á súa disposición, para a debida consulta e estudio, a totalidade do proxecto como é preceptivo, chegando ao pleno sen coñecer en detalle o mesmo.
En canto ao contido do proxecto, o BNG lamenta que non se conte alomenos cun cuarto módulo (só se solicitan tres), no que ao noso xuízo debería estar incluido un módulo de carpintería, con outros 15 alumnos-traballadores, dado que, en canto a materiais, ao concello non lle sairía moi caro ao contar coa maquinaria adquirida xa para o último obradoiro e que se atopa gardado na nave-almacen do propio obradoiro. Estaríamos dando oportunidade de formación a máis alumnos, diversificando máis a oferta formativa, aínda que a administración recortase algo, como soe facer, o número de alumnos por módulo, pero non vemos lóxico que sexa xa o concello o que demande menos módulos.
A resposta máis inaudita a esta petición do BNG douna sen dúbida a Sra. Alcaldesa, ao decir que xa lles pasara pola cabeza pero que decidiron non incluila porque non sabían que traballos de carpintería se podían poñer no proxecto . Esta resposta non necesita máis comentarios pois da fe, por sí soa, dos xestores que están ao frente do concello. Para porse a rir ou a chorar. Algún outro concelleiro do goberno dixo que agora xa non lle daba tempo, nin deste módulo nin do de Axuda no Fogar, ainda recoñecendo que este resulta máis atractivo que outros para os alumnos e incluso para a Administración autonómica.
Tamém critica este Grupo Municipal a temeridade e o perigo para a viabilidade do proxecto, por parte do concello, por incluir no mesmo unhas obras das que non se ten a seguridade de ter a titularidade delas no momento de, caso de ser aprobado pola administración autonómica, comezar o obradoiro. Estamos a referirnos ao entorno do “Muiño da Chancela”, pois hoxe por hoxe o concello non conta co visto bo de todos os propietarios afectados, nin tan siquera co dos posibles usuarios do propio muiño.
O BNG manifestou no pleno que se dialogue e se busque o acordo cos afectados e non sea a expropiación a ameaza contra deles.
Non obstante e feitas todas as críticas e suxerencias de mellora, o BNG votou afirmativamente, pois estamos a facer, como vimos demostrando ao longo da lexislatura, unha oposición seria e constructiva, antepoñendo os intereses do pobo frente a intereses partidistas, e entendemos que na situación de crise económica actual, cun alto índice de paro no noso concello, é prioritario levar adiante actuacións que axuden a paliar os efectos do paro e a facilitar a aprendizaxe de profesións a fin de que os alumnos-traballadores poidan logo insertarse con maior facilidade no mercado de traballo.