sábado, 21 de junio de 2008

Fartos de estar a escuras


Dende o BNG queremos manifestar o malestar de moitos veciños que viven entre o paso nivel e o edificio da Casa Castaño (rúas San Lois, Sagasta e Victor García).É moi penoso que leven meses sufrindo cortes de luz no alumeado público sin que este “desgoberno” lle poña solucións.

Esta problemática veciñal xa se levou como pregunta de pleno fai uns meses prometendo a alcaldesa, daquela, o arranxo inmediato deste alumeado. Pasan os meses e os veciños seguen con este problema sin que o concello llo resolva. Non se pode nin andar de noite polas beirarrúas xa que non se ve por onde se anda. Os comerciantes están preocupados pois teñen medo a que aproveitando esta situación os “amigos do alleo” lle entren nos seus negocios. Ademáis nestas rúas “durmen” moitos vehículos dos veciños os cales tamen temen a que lles dean un golpe ou llos rouben.

O BNG quere manifestar o seu malestar porque despois de levalo a pleno e de que unha das concelleiras, que ademáis vive nesta zona, coma voz de moitos veciños, puxese en coñecemento da alcaldesa esta situación, a Sra. Castro fixese caso omiso e seguimos igual.

Polo cal solicitamos que sin máis esperas se arranxe este problema no alumeado dunha vez por todas. Para o BNG a situación co alumeado que sufren estas rúas pódese extender a todo o concello xa que é coñecido por todos os veciños os enormes retrasos que hai á hora de arranxar unha luminaria. Os veciños de Pontecesures non teñen porque padecer esta desidia do actual goberno municipal xa que teñen dereito a un alumeado público en perfectas condicións.

sábado, 14 de junio de 2008

Desfachatez


O Grupo Municipal do BNG quere felicitarse pola entrega por parte da Dirección Xeral para o Deporte das instalacións náuticas ao concello de Pontecesures. Esta obra de mellora do náutico cun orzamento inicial que supera con creces os 300.000 euros, supón a finalización dunha aspiración por parte do BNG cando estaba a gobernar. As xestións feitas na anterior lexislatura polo goberno do BNG fixeron posibel que hoxe en día os rapaces e rapazas de Pontecesures poidan practicar piragüismo nunhas condicións óptimas, unha vella aspiración que, sin embargo, non estivo exenta de dificultades.

Esta obra foi contemplada dentro do convenio marco Xunta-Deputación, onde unha vez acordadas as obras a realizar, cada institución emcárgase dunhas determinadas, xunto coa aportación do concello. Neste caso do club náutico a administración executora da obra foi a Xunta de Galicia (Direccion Xeral para o Deporte) e unha aportación municipal de 28.000 €. A Deputación de Pontevedra non aportou ningún euro a esta obra tal como quere facer ver o PP de Pontecesures, e mais se por eles fora non teríamos hoxe o club nautico mellorado.

Hai que recordar aos veciños que para que esta obra fose hoxe unha realidade, tivo que pasar por varias sesións plenarias para sumarse ao convenio. Tanto o PSOE, PP e a independiente Maribel Castro (hoxe alcaldesa) votaron en contra de que se ampliase e reformase o club náutico, e non só o fixeron unha vez, senón todas e cada unha da veces que foi levado a pleno. O BNG era consciente da mellora que supoñía esta obra e de ahí a insistencia do alcalde (Angueira) de levalo a pleno as veces que fixera falta para non perder esta oportunidade. Só Maribel Castro votou a favor cando se lle asignou unha exclusiva de 1.200 euros (ata ese momento dixo sempre que non).

Resulta decepcionante e patético ver a este desgoberno (descordinados entre si) que intenten “vender motos” dunha obra na que eles votaron en contra repetidamente. A pesar desta carencia de ética e de escrúpulos do goberno municipal, o importante é que os piragüístas poden feneficiarse dunhas instalacións que antes non tiñan gracias as xestións feitas no goberno anterior do BNG.

jueves, 12 de junio de 2008

Mantemento pavillón polideportivo.Hai que "ir de campo"

Despois de levar meses escoitando, por parte de usuarios habituais do pavillón polideportivo que está sucio e abandonado, nestes últimos quince dias xa se chegou ao ridículo máis absoluto con esta instalación.

En primeiro lugar celébrase unha final de baloncesto, a xuízo do BNG moi importante para o noso equipo, cando o recinto non está en estado de celebrar nada nel. Para este acontecemento ata houbo que alugar un marcador xa que nin eso funciona en Pontecesures. Os baños, sencillamente, dan asco. Non teñen nin auga e calquer persoa ten necesidade de ir a eles. En fin, unha vergoña.

Esta fin de semana houbo un campionato de dardos moi iinteresante para a nosa comarca. Competición que durou toda a fin de semana e con grande afluencia de público e os baños seguian sen funcionar.Esto conleva que houbo xente que despois de estar competindo once horas necesitan facer uso dos aseos como é lóxico e comprensibel. O sábado de madrugada non se podía entrar nos baños xa que o cheiro era nauseabundo.

Con todo esto o BNG quere manisfestar que non está en contra de que se organicen este tipo de eventos neste concello, todo o contrario, mais, antes faise necesario e obrigatorio acondicionar co más imprescindibel o pavillón e mentras non estea en condicións non se invite a ninguen a él, pois a imaxe que proxectou este concello nestas dúas ocasións cara o exterior foi moi penosa.

O BNG esixe, pois, que se arranxe de inmediato para poder seguir celebrando actos nel e poder practicar deporte da mellor maneira posible, e ademais que os que nos veñan a visitar leven mellor recordo do noso pobo e non o dun pavillón ruinoso.

As porterías de Randulfe



No último pleno celebrado o dia 26 de maio á pregunta formulada polo BNG sobre as porterías do campo de fútbol, propiedade do Concello de Pontecesures, e que se atopan nunha finca privada próxima a Plazuela, a Sra.Alcaldesa respondeu que ela non sabía nada do que lle estaban preguntando, que non sabía nada dese asunto e de igual xeito o seu socio tránsfuga do PSOE. Para sorpresa do BNG o Sr. Randulfe, concelleiro do PP, di que él sí sabe por qué están ali,”pedironmo os nenos,para xogar o fútbol” responde e os donos da finca parecelles ben, continúa.

Para o BNG este feito ven a corroborar unha vez máis, a descoordinación existente na actual equipa de goberno, na que o PP “actúa por libre” tomando decisións que non só non consensúa cos seus socios senón que nin siquera llas comunica á alcaldesa a posteriori.

O BNG entende que non se pode dispor alegremente dos bens públicos como se fosen dun e “regalalos” a un particular instalándoos nunha finca privada sen, alomenos, seguir os trámites pertinentes e tomando unha decisión deste tipo, que en calquera caso debe ser motivada e adoptada polo órgano que corresponda.

En calquera caso, e ainda presumindo que esta é unha decisión temporal, o BNG insiste, pois xa o fixo no pleno, que esas porterías non contan coas medidas de seguranza axeitadas, non están debidamente fixadas e a finca na que se atopan está chea de maleza.

O BNG quere denunciar públicamente este feito e insta ao Concello a que tome medidas o respeto e se responsabilice, esixindo ao propietario que, alomenos, acondicione a zona, e adoptando, asimesmo todas as medidas necesarias de seguranza e protección para os nenos, xa que as porterías constitúen un ben de uso público.

No caso de non ser asi, o BNG estima que as porterias deben ser retiradas inmediatamente, xa que supoñen un risco para os cativos dado que a finca atópase permanentemente aberta.

domingo, 1 de junio de 2008

Máis impostos


O BNG quere informar á cidadanía de Pontecesures acerca do contido do pleno ordinario do pasado luns 26 de maio, no cal foi aprobado por parte do goberno municipal, cos votos en contra do BNG, a posta en marcha dun novo imposto ata agora nunca aplicado en Pontecesures: o imposto da PLUSVALÍA. Este imposto grava o aumento de valor nas transmisións de propiedades e inmobles (ventas, donacións e herencias).

Non entendemos como nos tempos actuais de crise económica nos que incluso moitos concellos están rebaixando impostos, ao goberno local non se lle ocurre outra cousa que activar esta carga impositiva aos veciños. Para nós esto implica sangrar, aos veciños do pobo para asi poder compensar o despilfarro económico que están a practicar gastando cantidades astronómicas en festas asi como compensar o gasto de dúas dedicacións exclusivas que lle supoñen ao concello 80.000 € ao ano.

O BNG está totalmente en contra desta iniciativa do Sr. Sabariz, e así o manifestou co seu voto contrario no pleno, que foi apoiada co beneplácito da Alcaldesa e, sorprendentemente, polo Sr. Randulfe que prometeu a bombo e platillo unha baixada de impostos na campaña das pasadas eleccións municipais.

Por outra banda, en resposta ás declaracións feitas por Sabariz (tránsfuga político do partido socialista) en referencia á "desorganización política" do BNG, expoñer que, para nós, confunde desorganización con democracia interna cousa que él non é capaz de comprender xa que non a aplicou nas organizacións ás que pertenceu, nas que impuxo sempre o seu criterio personalista e egocentrico. De tódolos xeitos Sabariz pretende con estos comentarios crear unha cortina de fume para ocultar o verdadeiramente importante que é a aplicación deste novo imposto.

Esta maneira de facer política é maís propia dos pallasos de circo que dun concelleiro do goberno, aínda que en Pontecesures tódolos veciños coñecen a Sabariz e saben que non ten escrúpulos á hora de insultar e desacreditar aos seus rivales políticos. Sabariz aplica a máxima de todo vale.