viernes, 11 de diciembre de 2009

Centro de Día para maiores nas antigas casas do mestres

Margarita Carolina García Castro, Manuel Luís Álvarez Angueira, Cecilia Tarela Barreiro, Xosé Antonio Baliñas Pazos e Arturo Ferro González, concelleiros do Grupo Municipal do BNG de Pontecesures apresentan a seguinte moción para ser incorporada na orde do día do próximo pleno, xa teña este a condición de ordinario ou de extraordinario.

Exposición de motivos

A poboación galega está inmersa nun continuo proceso de envellecemento onde cada vez o que demos en chamar a 3ª idade está a se constituir nun segmento poboacional máis importante e no que a esperanza de vida está a a ser maior, e Pontecesures non é alleo a este proceso incluso a pesar de contar cunha importante tasa de natalidade.

A lei 13/2008, do 3 de decembro de servizos sociais de Galicia, atribúe aos concellos, en canto administración máis próxima aos cidadáns, e en consonancia coa lexislación aplicable sobre réxime local, competencias sobre a creación, xestión e mantemento tanto de servizos sociais comunitarios básicos como de servizos sociais comunitarios específicos, entre outras. Asimesmo os concellos para a mellor atención das necesidades sociais do seu ámbito territorial poden crear, xestionar e manter servizos sociais especializados en coordinación coa Xunta de Galicia.

Os nosos maiores a as nosas familias necesitan xa, agora, contar coa axuda das administracións a fin de facilitarlles unha maior calidade de vida, e en parte a ilo contribúen sen lugar a dúbida os Centros de Día para maiores, que se definen como centros xerontolóxicos socioterapéuticos e de apoio ás familias, que durante o día prestan atención terapéutica e plural ás persoas maiores con dependencia ou en grave risco de padecela, promovendo a súa autonomía persoal, a actividade relacional e a permanencia no entorno habitual.

Estase a estender, co fin antedito, unha rede de Centros de Día por toda Galicia e Pontecesures non debe quedar atrás e debe contar XA con este servizo, cada día máis imprecindíbel. Na actualidade veciños deste pobo vense na obriga de se desprazar a Centros de Día de concellos limítrofes, aqueles que tiveron a sorte de atopar praza, mentras outros seguen a esperar por unha infraestrutura e por un servizo que este concello non é quen de lle prestar.

O BNG local, durante a súa responsabilidade de goberno, non foi alleo a esta necesidade, procedendo o goberno por él encabezado, primeiro a tramitar a desafectación das antigas casas dos mestres, sitas na rúa Pousa Antelo, a carón da Escola Infantil Municipal. Unha vez acadada esta en novembro de 2006, e vendo como moi idónea esta ubicación, para a construcción dun centro destas características, procedeu a encargar un anteproxecto de Centro de Día para maiores (redactado polo arquitecto D. Carlos Besada Ferreiro) e remitido á Xunta de Galicia en marzo do 2007.

No anteproxecto apresentado, para un centro tipo de 30 prazas, se facía constar que a construcción nesa ubicación se axustaba por completo á legalidade urbanística segundo o PXOM de Pontecesures, extremo que corrobora e ratifica o arquitecto municipal D. Jorge Duarte Vázquez nun informe emitido en agosto de 2007 a instancias do goberno actual.

En novembro de 2007 ten entrada no concello de Pontecesures escrito da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Centros, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, no que informa FAVORABLEMENTE acerca da viabilidade do Centro de Día para Pontecesures nesta ubicación, coa obriga de correxir algunhas deficiencias de carácter técnico que presentaba o proxecto.

Polo tanto non cabe ningunha dúbida da idoneidade desta ubicación como o corroboran os informes técnicos do arquitecto redactor do anteproxecto, do arquitecto municipal e do informe favorable de viabilidade da propia Xunta de Galicia.

Nos medios de comunicación o actual goberno local comunicou á cidadanía a súa intención de cederlle á Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo as instalación e os terreos (que deben ser destinados ao Centro de Día para maiores), para que esta constrúa alí un albergue de peregrinos.

Os concelleiros asinantes desta moción consideramos que é a obriga dos gobernantes priorizar nas necesidades e, polo tanto, nos investimentos que o pobo necesita, e non opoñéndonos a que Pontecesures poida contar cunha instalación deste tipo, cremos que primeiro e ante todo, está atender á consecución de servizos para os nosos veciños e para as nosas familias. As escasas zonas públicas de equipamentos con que conta o concello deben ser empregadas con racionalidade e sentido común e non con “caprichos”. Asimesmo , e logo do exposto, non consideramos que se sexa un lugar axeitado para un albergue de peregrinos, pois ao estar lonxe do centro do pobo, pouco ou nada contribuiría a un sector económico fundamental para oc noso concello omo é a hostelaría e mailo comercio en xeral.

En consecuencia o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte acordo.

1º.- Que se manteñan os terreos que ocupan as antigas casas dos mestres para a construcción dun Centro de Día para maiores.

2º. Que se realicen diante das diferentes administracións, de forma urxente, todas cantas xestións sexan necesarias para que o servizo prestado aos maiores e familias deste concello con este centro, sexa unha realidade canto antes, considerándose polo goberno municipal unha prioridade irrenunciabel.

3º Que se busque unha ubicación alternativa para un albergue de peregrinos, máis próxima ao centro do pobo, pois só así sería realmente beneficiosa para a hostelería e comercio en xeral.

Pontecesures a 10 de decembro de 2009

Asinado polos concelleiros do Grupo Municipal do BNG

Powered By Blogger