martes, 1 de abril de 2008
Fan falta cartos e a alguén hai que sacarllos
O actual equipo de goberno levou a Pleno a suscrición dun convenio co ORAL denominado “convenio de colaboración en materia de financiamento da asistencia técnica para a inspección do imposto de construccións, instalacións e obras entre o Organismo autónomo de xestión de Recursos Locais da Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontecesures” co fin de incrementar os recursos locais, de xeito que a base impoñible deste imposto sexa o custo real das obras suxeitas á licenza.
Así, nas cláusulas do convenio reza:
1ª.- O obxecto do convenio é o financiamento dos traballos necesarios para a inspección e posterior liquidación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras no Concello de Pontecesures.
2ª.- Serán de conta do Concello de Pontecesures os gastos que xeren a asistencia técnica contratada, consistentes no 19 % dos ingresos efectivamente recadados.
3ª.- A tramitación administrativa de todo o procedemento de actualización, recadación e liquidación se levará a cabo polo persoal propio do Servizo de Inspección Tributaria do ORAL.
4ª.- O Concello só asumirá, en todo caso, o custo técnico daqueles expedientes que resulten efectivamente recadados segundo a porcentaxe indicada que lle será descontado nas liquidacións que se practiquen.
O BNG está en contra da aplicación desta medida, pois supón, na práctica, o pago do imposto dúas veces, unha primeira vez igual que ata o de agora, cando se lle outorgue a licenza municipal, consistente no 2,4 % do orzamento das obras a realizar, e unha segunda vez logo de realizada a inspección por parte da empresa contratada polo ORAL, sobre o 2,4 % da cantidade que tal empresa estime.
Isto, claramente, non é máis que unha forma encuberta de subir os impostos, ainda que o ICIO se manteña no mesmo 2,4 % ( e recordemos que o PP decía na campaña electoral que si gobernaba ía a baixar os impostos)
O sistema actual é suficiente para que o custe real e efectivo das obras sexa a base impoñible do imposto. Para isto conta o concello cun técnico na materia, de tal modo que cando comproba o orzamento da obra a realizar e este é claramente menor que o real, se supedita o outorgamento da licenza a que se corrixa o orzamento, e asunto solucionado.
A empresa encargada da asistencia técnica, vai a traballar a “destajo”, se vai a levar o 19% do que recaude, do que lle “quite” a maiores a quen realizou a construcción, instalación ou obra. Non vai traballar sen obter beneficios, polo que de seguro, a obra á que se dirixa lle vai volver a facer pagar, e canto máis mellor pois máis suporá ese 19 %. Isto vai levar a un aumento da burocracia para o administrado, pois se non está de acordo coa valoración económica das obras que lle vai a facer a empresa, non lle quedará outra que meterse en recursos e pleitos, con todo o que iso conleva.
Ademáis, nas cláusulas do convenio non establece a qué tipo de obras afecta, nin de quen parte a iniciativa de realizar a posterior inspección. Enténdese que ao non establecer nada ao respecto quere dicir que afecta a todas as licenzas que se outorguen, sexan estas a obras maiores ou menores.
O equipo de goberno manifestou no Pleno que só se aplicará ás obras que lle interesen, co que se vai a producir unha discrecionalidade, a uns si e a outros non, e isto non se pode consentir.
Poñamos un exemplo. Alguén pide permiso para facer un muro e presenta un orzamento de 3000 €. Cando se lle conceda a licenza o veciño terá que pagar o 2,4 % desta cantidade, é dicir, 72 €. Paga esta cantidade, fai a obra, en nun determinado momento, ben cando estea realizando esta ou posteriormente, aparecerá alguén dunha empresa a inspeccionar a dita obra a fin de realizar unha valoración. No seu momento recibirá unha carta do ORAL comunicándolle que ten pagar outros 72 € (ou máis) dado que a obra se valorou en 6.000 €, advertindo que se non se está conforme ten un prazo para recurrir, etc, etc. Desa cantidade ao concello danlle 58,2 € e o resto se queda o ORAL con eles como custe do traballo feito.
Cando ao administrado que lle cobren dúas veces e se achegue ao concello a pedir explicacións, a resposta que dará o actual equipo de goberno está clara: “Non é cousa nosa, iso faino o ORAL” “Por nós, xa viches que se che deu a licenza sen ningún problema”, ou outras similares.
Fannos falta cartos e alguén temos que sacarllos.