jueves, 12 de mayo de 2011

BOLETÍN DO BNG MAIO 2011

Luís Álvarez Angueira, candidato á alcaldía de Pontecesures.


"Somos a única forza política que combina estabilidade, experiencia de goberno e un amplo apoio"






Luis, eres con diferencia o concelleiro máis antigo: na oposicón con Piñeiro Ares, alcalde durante dúas lexislaturas e volta á oposición. Logo de todos estes anos traballando na corporación de Pontecesures, como ves o concello?


Pontecesures é un concello pequeno que ten uns recursos limitados, por iso é tan importante xestionalos con intelixencia e eficacia. Nos anos nos que o BNG tivo a alcaldía, fixemos un esforzo por optimizalos e podo asegurar que non é facil. Son moitas as necesidades e con frecuencia hai que facer encaixe de bolillos para non desatender ningunha delas. Sen embargo, e a pesar de que lles deixamos algúns proxectos encima da mesa ao novo goberno, refírome ao centro de día ou ao parque empresarial, non souberon, ou non quixeron desenvolvelos. Neste senso teño que dicir que a situación actual do concello paréceme preocupante, e máis nunha época de crise económica como a que padecemos. Ese tipo de proxectos, de marcado perfil social, creo que son máis importantes para un concello coma o noso.



O BNG é a única forza política que non parece ter problemas internos, que presenta unha candidatura sen descontentos e cohesionada, cal é o segredo?



O segredo é a democracia interna. No BNG non lle impoñemos nada a ninguén. Buscamos o consenso e a unidade. No BNG teñen cabida todas as persoas que saben que Galiza precisa dun compromiso explícito para defender os intereses que temos como país, un compromiso cun claro perfil progresista, que é un elemento de afinidade moi importante. Isto facilita moito as cousas. Aquí ninguén está por intereses persoais senón porque temos claro que, se queremos que Galiza mellore, que Pontecesures mellore, fai falla un compromiso de traballo para defender con claridade os intereses de todos e todas nós.



Cal é a túa valoración da lexislatura que remata agora?




Lamentábel. En primeiro lugar, porque aínda que é perfectamente lexítimo, no BNG pensamos que o acordo a tres bandas que nos expulsou do goberno, non respondía á vontade que con claridade expresaron as veciñas e veciños de Pontecesures. E digo isto, non porque pense que non é lexítimo que varios partidos se alien para gobernar, nós fixémolo así durante oito anos e é perfectamente democrático, senón, porque foi un pacto contra natura, un pacto que non tiña ningún programa de goberno –como si tiñamos nós– foi un pacto estimulado por un único obxectivo: que o BNG non seguise gobernando en Pontecesures, costase o que costase. A partir dese punto, toda a lexislatura é un despropósito: os membros do goberno case non se falan entre eles, comunícanse con notiñas, boicotean iniciativas veciñais con fondos públicos e lanzan unha ofensiva de infundios contra o BNG que sigue respondendo ao obxectivo inicial: destruir ao BNG. Destruir a única forza política que pode gobernar en Pontecesures coa altura que a nosa vila se merece. Poderia resumirse como a lexislatura na que o goberno, a falta dun programa de traballo, adicouse a facerlle oposición á oposición. Lamentábel.



E a nivel xeral, como ves ao noso país cando van alá máis de dous anos cunha nova maioría absoluta do PP na Xunta?



Verás, o diagnóstico que facemos da realidade de Pontecesures, encaixa coma un guante co diagnóstico que se pode facer a nivel xeral. O goberno de Feijoo leva dous anos derrumbando todo o que o goberno anterior construíu. Particularmente o que construíron as consellerías que eran responsabilidade do BNG. En Pontecesures comezaron a lexislatura da mesma maneira: mutilando unha guía turística elaborada durante o noso mandato e tirando á papeleria o proxecto do centro de día ou o do parque empresarial. Nestes dous anos de goberno do PP, na Xunta de Galiza so se poden contabilizar as toneladas de escombro político. Ningún proxecto, unha xestión da crise penosa que está provocando un incremento do paro nunca antes coñecido, unha agresión ao idioma galego sen precedentes que conta co rexeitamento da inmensa maioría da cidadanía galega e, tal e como pasa en Pontecesures, unha persecución da oposición que recorda tempos pasados e ben nefastos.



O actual goberno que preside Maribel Barreiro recibiu importantes recursos económicos do Plan E, na túa opinión, o uso que se lles deu foi o necesario?



Pois basicamente eses recursos que como moi ben dis foron importantes –máis de medio millón de euros– empregáronse en mover pedras dun sitio para outro. Realizouse unha remodelación das beirarrúas e da área na que se atopa o coche de pedra que, na nosa opinión, non eran prioritarias. Se nós estivésemos gobernando e o concello recibise uns aportes económicos tan importantes, pensamos que hai outras necesidades que é máis urxente atender e cun beneficio social moi necesario. Por outra parte eses fondos tiñan como obxectivo fomentar o mantemento do emprego en sectores moi doentes pola crise, sen embargo, non coñecemos un balance do concello a este nivel. Cantos postos de traballo se crearon ou se manteron? Na nosa opinión, este aspecto é tan importante como a obra que se realiza. Por iso calificamos de desgoberno ao equipo da señora Maribel, porque entendemos nós que gobernar é unha actividade que debe ter en conta os intereses de todos e, en situacións tan delicadas coma a actual, moi especialmente os intereses das persoas máis desprotexidas.



E se o BNG estivese gobernando, como empregaría eses recursos?



Ben, como dixen, para o BNG é importante a repercusión social que teñen os investimentos que se realizan. Neste caso, presentamos unha moción para que se empregasen eses fondos para levar adiante o centro de día, para construcción dun comedor escolar e para resolver o problema que teñen os veciños e veciñas de San Xulián para cruzar a N 550 cara a rúa do Pilar, nós propoñíamos a realización dun paso elevado que os arrede do intenso tráfico desta estrada. Como se pode ver, as obras que propuxemos tiñan un interese social evidente e un volume que facilitaría a creación ou o mantemento de máis postos de traballo e durante máis tempo.



Que opinión che merece a polémica que se orixinou coas feiras do automóbil?



É a perla do mandato. O desgoberno empregouse a fondo con recursos públicos para torpedear unha iniciativa dunha asociación cultural que tiña e ten, un claro interese para o conxunto de Pontecesures. O desgoberno da señora Maribel Castro, do señor Rafael Randulfe e do señor Luis Sabariz, inventaron unha feira paralela –patética– negáronse a colaborar coa Asociación Cultural Mirándolle os Dentes e, por increíble que pareza, mesmo aqueles aspectos que o concello ten a obriga de xestionar, mesmo aí tentou boicotear o evento. A feira que organiza Mirándolle os Dentes, alomenos dende o noso punto de vista, debe ser un evento que se desenvolva cunha forte colaboración por parte do concello. Así se fixo mentres o BNG tivo responsabilidades de goberno, e así se fará se voltamos a contar coa confianza maioritaria da cidadanía de Pontecesures. Nós coñecemos o enorme esforzo que as persoas da asociación realizan para levar adiante un envento desta envergadura, por iso non temos dúbidas en que hai que apoialo e dóenos o papel tan triste, que neste tema, xogou o goberno actual.



Pontecesures é un concello pequeno, sen embargo, se os rumores se confirman poderían presentarse ate sete listas electorais, varias delas promovidas por independentes, cal é a túa opinión?



Respecto e preocupación. Respecto porque todas as persoas teñen dereito a expresarse politicamente, a organizarse e a propoñer todas as candidaturas que consideren oportunas, faltaría mais. Preocupación, porque se te fixas, algunhas delas son o resultado do descontento polo importante déficit democrático interno, ou polo reparto do poder e os postos que o dedo de certa dirección provincial lles atribúe a cada un. E se digo preocupación é porque –a vista do que pasou fai catro anos– calquera destas candidaturas pode gobernar Pontecesures. Estaríamos na mesma: equipos de goberno sen máis programa ca o odio que mutuamente se profesan. Así non se pode. Nós confiamos na madurez política dos veciños e veciñas e estamos seguros de que saberán escoller con sentidiño.



Con tantas opcións a hora de votar tamén é previsible que a gobernabilidade sexa complicada, sen non hai maiorías absolutas, ten o BNG preferencias concretas á hora de pactar con outras forzas políticas?



En principio non contemplamos ese escenario. Nós confiamos no traballo desenvolvido nos oito anos durante os que tivemos a responsabilidade da alcadía e no labor realizado nestes últimos dende a oposición. Consideramos que somos a única forza política que combina estabilidade, experiencia de goberno e un amplo apoio electoral. Contamos con gobernar en solitario. Pero, se non se dese esa circunstancia, como xa dixen ao comezo, o BNG é unha forza progresista e polo tanto, buscaremos os apoios e as afinidades entre as forzas progresistas que acaden representación.





Candidatura do BNG en Pontecesures.


Podes avanzarnos as liñas xerais do programa de goberno do BNG?


Neste momento estamos traballando nel, realmente só nos últimos detalles e aínda que non quero adiantar nada para non restarlle interese ao acto no que fagamos a súa presentación, si podo dicir que o noso programa é unha extensión do que foi o noso traballo na alcaldía e na oposición. Consideramos que hai importantes necesidades en materia de infraestrutura no rural ou de saneamento na vila, que este desgoberno non resolveu e que xa non deben esperar máis. Cuestións de orde social que son urxentes, porque non pode ser que os nosos maiores teñan que ir a outros concellos para facer uso dun centro de día, mentres aquí, os terreos que tiñamos preparados para facer o noso, regaláronos para un albergue de peregrinos. Que non é que non faga falta, pero dende logo é bastante máis necesario o centro de día. Por outra parte, o lóxico é que o albergue se realice nunha ubicación máis céntrica, pola comodidade dos peregrinos e tamén para que actúe como un recurso económico para o noso comercio.



É necesario e urxente un centro cultural de usos múltiples e a creación dun plan de dinamización que poña en valor as nosas potencialidades. A protección e defensa do medio ambiente. Pontecesures non ten no seu territorio ningunha industria especialmente contaminante, pero hai algunhas nos concellos veciños que son un aténtico crebacabezas e é necesario abordar esta cuestión con seriedade e responsabilidade. A dinamización da lingua galega, o apoio ao deporte local, o impulso do asociacionismo e un logo etc. que iremos debullando nos próximos días.



E o futuro? como ves toda a problemática da crise?



É o capitalismo máis crú en estado puro. Vai ser duro sair desta situación pero son da opinión de que hai que lanzar unha mensaxe de optimismo e, dende os poderes públicos, realizar políticas que fomenten o emprego e o desenvolvemento económico sobre unha base produtiva e non especulativa, que foi o que nos levou a esta situación e da que son responsables, case en exclusiva, a dereita económica e os gobernos do PP, que durante máis de vinte anos gobernaron a Xunta de Galiza con maioría absoluta. Hai que lanzar unha mensaxe de optimismo e confianza, unha mensaxe verdadeira. Nós, os galegos e as galegas, somos un pobo traballador, afeito a superar grandes dificultades, fartos de andar polo mundo adiante. Só nos falta un goberno noso. Un goberno que estea á altura da nosa valía como pobo. Un goberno que se recoñeza na identidade galega, que aprecie a nosa cultura e o noso idioma. Un goberno que comprenda, valore e defenda os nosos recursos. Dende logo, nós, o BNG de Pontecesures, imos por o noso grao de area para que todo iso sexa posíbel.