domingo, 18 de octubre de 2009

Baixada de pantalóns colectiva


O BNG de Pontecesures quere manifestar, en relación coas declaracións feitas polo presidente de Portos de Galicia a respecto do proxecto de remodelación da zona portuaria que foi aprobada en pleno por toda a corporación municipal, o seguinte:

1.Sorprende que un proxecto de case 4 millóns de euros, que fora solicitado polo anterior goberno municipal encabezado polo BNG, se diga que non satisface aos veciños de Pontecesures. Non entendemos porque, como xa está sendo habitual co PP, todo proxecto elaborado e presentado polo goberno bipartito da Xunta de Galicia é botado abaixo, argumentando neste caso, de forma insultante que se trata dun proxecto malo.

2.Criticar ao goberno municipal actual de Pontecesures que non fagan todas as xestións necesarias para que este proxecto non sexa derrubado, e en cambio se contenten cun lavado de cara que pretende facer Portos de Galicia na zona do peirao de cara ao Xacobeo do próximo ano. Lavado que para nada ten que ver co proxecto inicial, quedando só algunhas actuacións simples que non poñen en valor a recuperación do peirao como zona de lecer.

O goberno municipal, inexplicablemente, encarta as orellas e non esixe que se cumpra o que foi elaborado polo anterior goberno da Xunta e que foi aprobado en pleno por todos os grupos municipais que configuran hoxe a corporación municipal, pleno celebrado en xaneiro de 2008.

Naquel intre dende o tripartito se valorou moi positivamente o anteproxecto presentado por Portos de Galicia, en ningún momento lle pareceu “malo” aprobando así un convenio con Portos de Galicia para a execución e mantemento das obras de remodelación da zona portuaria e solicintado, xunto co BNG, que no proxecto definitivo se incluísen algunhas melloras, de pouco custe económico pero necesarias.

Responsabilizamos directamente á alcaldesa Maribel Castro desta baixada de pantalóns colectiva, non defendendo os intereses dos veciños e nen sequera defender un proxecto aprobado por ela mesma. Ante esto, o BNG pregúntase, ¿para que cobra o salario pagado por todos esta señora?

O BNG esixe que o goberno de Pontecesures loite para que non se lle tome o pelo aos veciños e veciñas do noso pobo, como realmente está a suceder coa perda desta importante inversión de case 4 millóns de euros.

Grupo Municipal BNG Pontecesures
Powered By Blogger