sábado, 27 de diciembre de 2008

Non queren nin comedor escolar nin Centro de día

O BNG de Pontecesures lamenta a insensibilidade mostrada polo "equipo de desgoberno" de Pontecesures cos maiores e cativos ao rechazar no pleno celebrado o luns día 22 as propostas apresentadas polo Grupo Municipal do BNG.

O Grupo Municpal apresentou tres posibles infraestructuras para seren financiadas con cargo ao Fondo Estatal de Inversión Local, que ten previsto dotar ao noso concello con 555.000 € e que consisten na construción dun comedor escolar dentro do recinto escolar do CPI Pontecesures, na construcción dun centro de día e na construcción dun paso elevado peonil sobre a N-550 que comunique o camiño de San Xulián coa rúa do Pilar.

No pleno cadanseu grupo politico esgrimíu diferentes argumentos para votar en contra das propostas feitas polo BNG, desde a incompetencia do concello para acometer as obras con cargo a este fondo, pasando porque a premura das mesmas era incompatibel coa solicitude de permisos a outras administracións, porque as obras propostas as poden facer outras administracións, ou, simplemente, como rematou asegurando Sr. Randulfe porque "nós temos pensado outras e son estas a que se van facer e punto".

O BNG maniféstase contrario a que a Consellaría de Educación coloque no recinto escolar un comedor prefabricado, argumentado falla de orzamento para un comedor de características similares ás que contan a gran maioría dos comedores escolares de Galiza e non comprende como desde o actual desgoberno municipal se acepta un comedor deste tipo para o que ainda propón poñer fondos propios. A comunidade educativa de Pontecesures, sobre todo os pais e nais representados pola ANPA tamén manifestaron ao concello e ao delegado provincial a súa oposición a este tipo de instalación. Así pois dende O BNG propoñemos que con cargo a estes fondos se acometa a construcción un comedor escolar de calidade, que en calquera caso será con fondos públicos estatais e non con fondos propios do concello.

Ao negarse a que esta obra se inclúa no plan non só se está a votar en contra do BNG local senón que se está a dar nas narices dos pais e nais, presentes e futuros, que verán como nun futuro próximo non contarán cun servizo educativo complementario da calidade que merecen.

No caso do Centro de Día lamentamos o desinterese que amosou e amosa o tripartito por esta infraestrutura, ao noso xuízo, necesaria e cada vez máis demandada polos nosos veciños, que xa na actualidade teñen que usar o servizo que ofrece o centro do concello de Valga (nestes momentos acolle xa a catro usuarios de Pontecesures e non acceden máis porque xa está completo). O BNG puxo de manifesto na sesión plenaria que chegando case á metade da lexislatura o goberno municipal non tivera realizado ningunha xestión diante do Consorcio para que o Centro de Día fose unha realidade canto antes, feito que recoñeceu o tripartito poñendo peros a esta infraestrutura polo seu custo de construcción e incluso do posterior mantemento.

O perigo que supón o paso diario de peóns entre o centro do pobo e San Xulián eliminarase totalmente coa instalación dun paso elevado a xuízo do BNG, e así tamén foi recoñocido polo tránsfuga Sabariz. A administración de carreteras non acomete esta infraestructura porque o Sr. Sabariz non a quere, porque di que lle molesta preto da súa vivenda. Resulta bochornoso, coa cómplicidade dos seus socios de desgoberno, que se antepoñan os intereses particulares do Sr. Sabariz á seguranza dunha gran parte de veciños que teñen que facer diariamente este camiño.

Ao xuízo do BNG calquera destas obras pode ser incluida no Fondo Estatal de Inversión Local se o tripartito mostrase interese por elo, pero teñen demostrado que non lle interesan e non queren levar a cabo infraestructuras que propoña o BNG por moi necearias que estas sexan.

sábado, 20 de diciembre de 2008

Adiante coas obras

O Grupo Municipal do BNG de Pontecesures felicítase porque a Xunta de Galiza, a través da Consellaría de Medio Rural e incluido no plan denominado Proxecto Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM Rural)) contempla para o bienio 2009-2010 un investimento de 120.990 € para realizar actuacións en convenio de colaboración co concello de Pontecesures. Non obstante esta cantidade constitúe unha previsión orzamentaria que pode ser incrementada ou diminuida nos respectivos exercicios.

O obxectivo principal do PEIM Rural 2009-2010 é a dinamización da base produtiva do medio rural dignificando e mellorando a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuíndo a fixar poboación.

Pódense incluir dentro deste Programa obras de infraestruturas de servizos básicos elementais, como abastecemento de auga domiciliaria, saneamentos, camiños agrícolas e pistas rurais, así como aqueles proxectos singulares que entren dedntro da competencia de Medio Rural.

A consellaría de Medio Rural tenta primar precisamente o medio rural con especial incidencia nas zonas máis deprimidas tendo en consideración o carácter agrícola, gandeiro ou forestal dos distintos concellos, e aplicando baremos como o grao de despoboamente e envellecemento, a poboación rural, a dispersión dos núcleos e entidades de poboación xunto coa extensión territorial. Tendo en conta as caracteríticas do noso concello, o grupo municipal do BNG está satisfeito coa cantidade que lle pode corresponder a Pontecesures.

No pleno ordinario de novembro o Grupo Municipal de BNG propuxo unha serie de obras moi necesarias e moi demandadas polo vecindario para que se acometeran con cargo aos fondos do PEIM, que en síntese trátase do saneamento dende o cruce da pista de Carreiras coa do Couto ata a intersección coa rúa do Ensanche, do pavimentado e ampliación da pista de Carreiras a Condide pasando polo Couto, da pavimentación e ampliación da pista que comunica os núcleos rurais de Grobas e Fenteira, do ancheamento e nova pavimentación da rúa do Coengo en San Xulián e no acondicionamento da zona da rúa do Caldeirón de Arriba, en Porto. Lamentamos a actidude do tripartito no devandito pleno ao "botarr abaixo" estas obras cando todas elas teñen perfecta cabida no PEIM Rural 2009-2010 e se pode contar cos case 121.000 € que a Xunta de Galiza ten previsto investir en Pontecesures

O BNG de Pontecesures espera que o equipo de goberno recapacite e reconsidere a proposta de obras, en todo ou en parte, feita polo BNG a incluir neste PEIM 2009-2010 dado que se pode contar cunha importante cantidade para estes fins.Os veciños están a demandar estas actuacións e sería lamentable que por ser o BNG quen as propoña o equipo de goberno mire para outro lado e non AS acometa.

jueves, 11 de diciembre de 2008

Obras moi necesarias

Dna. Margarita C. García Castro, Dna. Cecilia Tarela Barreiro, D. Manuel Luís Álvarez Angueira, D. Xosé Antonio Baliñas Pazos e D. Arturo Ferro González; membros da Corporación e pertencentes ó Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Pontecesures,

EXPOÑEN:

Por mor da crise, o goberno do Estado ven de aprobar un fondo adscrito ao Ministerio de Administracións Públicas (MAP) de 8.000 millóns de euros, que se van repartir proporcionalmente entre todos os concellos do Estado en función da poboación, correspondéndolle ao concello de Pontecesures polos seus 3.139 habitantes, ata un máximo de 555.566 euros.

Segundo o Real Decreto-Ley 8/2008, de 28 de noviembre, as obras financiabeis van desde a adecuación, rehabilitación ou mellora de espazos públicos urbanos, á promoción industrial, equipamentos e infraestruturas de servizos básicos nas redes viarias, de saneamento; a construcción, adecuación, rehabilitación ou mellora de edificios, equipamentos sociais, culturais e deportivos, até a construción, adecuación, rehabilitación ou mellora da rede de abastecemento de auga potabel e tratamento de augas residuais. Serán en todo caso, obras que non estivesen xa incluidas no orzamento municipal de 2009 (orzamento que a día de hoxe non existe) e de execución inmediata.

O BNG considera que debe ser o pleno da Corporación quen formule esa proposta de obras e que se debe aproveitar o financiamento derivado deste plan para poñer en marcha actuacións que permitan asentar e mellorar os servizos públicos estendendo e ampliando a rede de servizos sociais, educativos e de seguranza vial, como una boa arma para cubrir as necesidades dos que máis o necesitan en épocas de crise como a que vivimos.

Por este motivo,


SOLICITAN:
A celebración dunha sesión extraordinaria do Pleno, ao abeiro do art. 46 .2 a) da Lei de Bases de Rexime Local, para a aprobación do seguinte
ACORDO
Incluir dentro da proposta para o denominado Fondo Estatal de Investimento Local as seguintes obras.
1. Construción dun comedor escolar dentro do recinto escolar.
2. Construción dun Centro de Día para os nosos maiores no terreno das antigas casas de Mestres.
3. Construción dun paso peonil elevado que una o camiño de San Xulián coa rúa do Pilar.
Pontecesures, 11 de decembro de 2008
Powered By Blogger