Dna. Margarita C. García Castro, Dna. Cecilia Tarela Barreiro, D. Manuel Luís Álvarez Angueira, D. Xosé Antonio Baliñas Pazos e D. Arturo Ferro González; membros da Corporación e pertencentes ó Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego de Pontecesures,
EXPOÑEN:
Por mor da crise, o goberno do Estado ven de aprobar un fondo adscrito ao Ministerio de Administracións Públicas (MAP) de 8.000 millóns de euros, que se van repartir proporcionalmente entre todos os concellos do Estado en función da poboación, correspondéndolle ao concello de Pontecesures polos seus 3.139 habitantes, ata un máximo de 555.566 euros.
Segundo o Real Decreto-Ley 8/2008, de 28 de noviembre, as obras financiabeis van desde a adecuación, rehabilitación ou mellora de espazos públicos urbanos, á promoción industrial, equipamentos e infraestruturas de servizos básicos nas redes viarias, de saneamento; a construcción, adecuación, rehabilitación ou mellora de edificios, equipamentos sociais, culturais e deportivos, até a construción, adecuación, rehabilitación ou mellora da rede de abastecemento de auga potabel e tratamento de augas residuais. Serán en todo caso, obras que non estivesen xa incluidas no orzamento municipal de 2009 (orzamento que a día de hoxe non existe) e de execución inmediata.
O BNG considera que debe ser o pleno da Corporación quen formule esa proposta de obras e que se debe aproveitar o financiamento derivado deste plan para poñer en marcha actuacións que permitan asentar e mellorar os servizos públicos estendendo e ampliando a rede de servizos sociais, educativos e de seguranza vial, como una boa arma para cubrir as necesidades dos que máis o necesitan en épocas de crise como a que vivimos.
Por este motivo,
SOLICITAN:
A celebración dunha sesión extraordinaria do Pleno, ao abeiro do art. 46 .2 a) da Lei de Bases de Rexime Local, para a aprobación do seguinte
ACORDO
Incluir dentro da proposta para o denominado Fondo Estatal de Investimento Local as seguintes obras.
1. Construción dun comedor escolar dentro do recinto escolar.
2. Construción dun Centro de Día para os nosos maiores no terreno das antigas casas de Mestres.
3. Construción dun paso peonil elevado que una o camiño de San Xulián coa rúa do Pilar.
Pontecesures, 11 de decembro de 2008